Policía Local e Bombeiros seguirán sen cobrar os pluses de nocturnidade e festividade nas nóminas de maio

As nóminas do Concello de Ourense do mes de maio non incluirán os denominados pluses de nocturnidade e festividade dos servizos de Policía Local e Bombeiros. O goberno municipal traballa para que estas cantidades sexan pagadas antes do 30 de xuño.
Por segundo mes consecutivo, as nóminas non inclúen estas contías porque non hai crédito habilitado para esta finalidade. O Concello ten fondos nos orzamentos municipais suficientes para facer estes pagos, pero non crédito habilitado para realizalos, segundo explican no comunicado enviado esta mañá.
O pago levarase a cabo unha vez que o Departamento de Intervención autorice o gasto, asinando unha retención de crédito para pagar estas contías utilizando fondos que xa están dispoñibles no orzamento municipal.
No mesmo momento en que os fondos estean dispoñibles, elaborarase de xeito urxente unha nómina complementaria para que estes conceptos retributivos sexan pagados no mes de xuño, sinala o comunicado enviado polo Concello.
Paralelamente, o grupo de goberno de Democracia Ourensana, tal e como acordara co grupo municipal do PP, asegura que está a dar os pasos necesarios para que os pluses de nocturnidade e festividade se incorporen ás retribucións fixas de policías e bombeiros, de xeito que estes pluses pasen a formar parte do seu salario mensual ordinario. O goberno municipal, explican, traballa co obxectivo de que esta incorporación se complete no próximo mes de xuño.