Preto de 150 persoas de 12 países danse cita no congreso internacional de patrimonio no medio rural Sopa
O concello ourensán de Calvos de Randín acolleu este luns o arranque do Congreso Internacional sobre Socialización do Patrimonio no Medio Rural (Sopa), que se prolongará ata o día 8. Nel danse cita arredor de 150 persoas (investigadores, mediadores culturais e emprendedores de 12 países) e cotnará coa presentación de máis de 60 comunicacións de países como México, Colombia, Chile, Arxentina, Grecia, Alemaña, Portugal e España.
"Este congreso celébrase anualmente co obxectivo de explorar novas formas de abordar a relación patrimonio-comunidade, compartir memorias colectivas e promover o intercambio entre coñecementos diversos e procesos de construción do coñecemento", sinalan desde a súa organización. O evento, que se celebra por segunda vez en Galicia, está organizado nesta ocasión polo GEAAT, Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo, a través dos seus membros Beatriz Comendador e Óscar Penín, contando tamén co apoio da Bela Auria, da Rede Aldear, da Deputación de Ourense e de La Underground Colectiva.
A programación desenvólvese nos concellos rurais ourensáns de Os Blancos, Baltar, Calvos de Randín e Muíños, escollidos pola riqueza patrimonial da zona rural transfronteiriza entre Galicia e Portugal. Sobre os seus obxectivos, os promotores de Sopa lembran que este congreso internacional naceu para “educar no común, contactar, facilitar o acceso e a transmisión do patrimonio no medio rural; traballar no sentimento colectivo, con xente que quere comprometerse coa comunidade, que quere cambiar as formas de relacionarnos coa nosa cultura, e emancipar o coñecemento mediante a expansión dos saberes e a cocreación de contidos e metodoloxías”.