Preto de 200 deportistas participaron no Campionato Galego de Jiu Jitsu celebrado en Ourense

OurenseXa
A competición contou cunha ampla presenza ourensá e deixou un medalleiro destacado para o Club Marbel
campionato-galego-jiu-jitsu-ourense
14 Jan 2026

O pasado domingo 11 de xaneiro celebrouse no Pavilón Anexo de Os Remedios o Campionato Galego de Jiu Jitsu masculino e feminino, organizado pola Federación Galega e patrocinado polo Consello Municipal de Deportes de Ourense. Foi a quinta edición consecutiva do torneo na cidade, que reuniu a case 200 participantes, con máis dun cento procedentes da provincia de Ourense.

A competición abarcou diversas categorías e modalidades, incluíndo as tradicionais de Loita senior absoluta tanto masculina como feminina, as categorías Promesas cadete e júnior, así como Dúo, Show e Ne Waza (loita centrada no chan). Ademais, incluíronse categorías de formación para os máis novos, con idades desde nados en 2020 ata 2013, todas elas en modalidade Ne Waza.

O campionato desenvolveuse en dúas fases: pola mañá competirono as categorías Promesas, cadete e júnior, e pola tarde tivo lugar a competición nas categorías absoluta e sub 18.

O club Jiu Jitsu Marbel destacou especialmente na categoría absoluta, conseguindo seis medallas de ouro. Entre os gañadores están Yago-Nguyen Rodríguez e Leire Carrera, que lograron o dobrete en Loita e Ne Waza nas súas respectivas categorías de peso (-94 kg e -57 kg). Tamén conseguiron ouro Catuxa González en Loita +70 kg e Ne Waza, e Juan Seoane en -85 kg. Ademais, o club sumou seis medallas de prata e tres de bronce.

Na categoría sub 18, os mozos Lucía Caneiro e Mateo Alonso conseguiron o seu primeiro ouro rexional en Loita, nas categorías -57 kg e -85 kg respectivamente, xunto cunha prata e dous bronces para o club.

As provincias de Ourense e A Coruña foron as máis representadas e dominaron os podios do campionato. Na entrega de premios estiveron presentes o Tenente de Alcalde e Concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, e o asesor de deportes Jesús “Chuchi” Hidalgo.

⚙ Configurar cookies
0.086939811706543