Preto de 200 judokas participarán en Ourense na primeira xornada da Copa Deputación

OurenseXa
O Pazo Paco Paz acollerá este sábado a apertura da 42ª edición dunha competición formativa clave para o judo provincial
OURENSE judo
6 Mar 2026

O Pazo Paco Paz de Ourense acollerá este sábado 7 de marzo a primeira xornada da 42ª Copa Deputación de Judo, unha das citas máis destacadas da tempada a nivel provincial e que reunirá arredor de 200 participantes procedentes de distintos clubs e escolas da provincia.

A competición desenvolverase na pista central do recinto a partir das 10.30 horas e contará con judokas desde a categoría chupetín, para menores de 18 quilos, ata a categoría xuvenil. Como en edicións anteriores, manterase a categoría OPEN, na que compiten conxuntamente deportistas masculinos e femininos.

Entre os participantes haberá representantes de diversos clubs da cidade, ademais das escolas de Cambeo, Inmaculada e Baños de Molgas. Para moitos dos máis pequenos esta será a súa primeira experiencia nunha competición oficial, polo que a xornada terá tamén un marcado carácter formativo.

A Copa Deputación está patrocinada integramente polo Servizo de Deportes da Deputación de Ourense e organizada pola Delegación Ourensá de Judo. A competición desenvolverase ao longo de tres xornadas puntuables, polo que a participación e os resultados en cada unha delas serán determinantes para a clasificación final.

Esta edición número 42 confirma a continuidade dunha das competicións formativas máis veteranas da provincia, creada polo mestre Manuel Montero, 8º Dan de judo, e que ao longo dos anos se consolidou como un dos principais viveiros de novos deportistas nesta disciplina.

0.14908003807068