Preto de 200 participantes cítanse este domingo en Ourense no Campionato Xunta de Galicia de Jiu-Jitsu

OurenseXa
O Anexo do Pavillón dos Remedios acollerá desde as 10.30 horas as categorías de base e, pola tarde, a competición absoluta, nun torneo que tamén servirá de referencia para a próxima convocatoria da Selección Galega
JIU JITSU OURENSE
7 Jan 2026

Ourense volverá ser este domingo, 11 de xaneiro, o epicentro do jiu-jitsu galego coa celebración do Campionato Xunta de Galicia Absoluto (masculino e feminino) e do Campionato Promesas, no Anexo do Pavillón dos Remedios. A cita está organizada polo departamento de Jiu-Jitsu da FGJEDA, coa colaboración e patrocinio do Concello de Ourense, a través do Consello Municipal de Deportes, e prevese a participación de arredor de 200 deportistas, con máis dun cento procedentes da provincia.

A xornada arrancará pola mañá coa base: as competicións de Promesas comezarán a partir das 10.30 horas. Pola tarde chegará o prato forte coa categoría Absoluta, prevista desde as 16.15 horas, despois da pesada ás 15.30 horas e do sorteo ás 16.00 horas (horarios aproximados, pendentes do peche definitivo de inscricións).

No torneo competirán deportistas con licenza federativa galega en vigor e pertencentes a clubs homologados. Ademais das modalidades habituais de Fighting e Jiu-Jitsu, o programa inclúe Dúo System, Show System e categorías de promoción. En concreto, haberá probas Promesas A, B, C e D, ademais de Promesas cadete e Promesas junior, o que converterá a cita na primeira experiencia competitiva para moitos rapaces e rapazas que están a iniciarse, especialmente nas categorías máis novas.

Desde a organización tamén subliñan o valor deportivo da categoría absoluta, tanto polo nivel que se agarda ver no tapiz como porque este campionato é un dos puntos de referencia para perfilar a próxima convocatoria da Selección Galega de cara ao Campionato de España de Jiu-Jitsu 2026.

cartel JIUJITSU ouresnse
⚙ Configurar cookies
0.081342220306396