Preto de 300 ximnastas inician a tempada nos clubs Pavillón e Escola Pavillón

OurenseXa
Os conxuntos serán presentados oficialmente este sábado nunha sesión de portas abertas na cancha central do Pavillón dos Remedios
club-ximnasia-pavillon
Ximnastas do Club Ximnasia Pavillón
14 Mar 2025

Neste mes de marzo deu inicio a tempada de rítmica co Campionato galego individual base, no que o Club Ximnasia Escola Pavillón participou con dúas ximnastas, Noa González e Martina Conde, de categoría xuvenil, que debutaron na modalidade individual.

O día 29 de marzo terá lugar a primeira Fase do Campionato escolar, promoción e prebase e Copa Deputación, en Celanova. Seguirán os clasificatorios para as Copas de España e Nacionais individuais ademais de varias citas nacionais, entre elas o nacional de Ximnasia Estética de grupo, etc. Un calendario que apenas deixa un fin de semana sen competición de aquí ao mes de xullo.

O vindeiro 15 de marzo, a partir das 11.30 horas, na Cancha Central dos Remedios, os Clubs Ximnasia Pavillón e Escola Pavillón terán unha sesión de portas abertas para presentar a todos os seus equipos que participarán de aquí a final de tempada nas competicións federativas. Un inicio de tempada “con moito músculo”, indican desde o club, que se resume nun total de 296 deportistas de rítmica e estética que se distribúen da seguinte forma: cinco grupos de ximnasia xeral, 14 conxuntos de nivel escolar, 14 ximnastas individuais en nivel escolar, tres conxuntos de nivel promoción, tres conxuntos en prebase, unha ximnasta individual na categoría cadete, tres conxuntos e catro ximnastas individuais na categoría nacional base, tres conxuntos e 13 ximnastas individuais en nivel absoluto nacional, e dous conxuntos de Ximnasia Estética a nivel nacional.

⚙ Configurar cookies
0.037817001342773