Preto de 400 atletas daranse cita en Ourense no Campionato Xunta de Galicia absoluto de pista curta

OurenseXa
O mellor do atletismo indoor a nivel autonómico competirá durante toda a fin de semana na pista cuberta de Expourense
campionato-galego-atletismo-ourense
11 Feb 2026

Expourense será este sábado o escenario do Campionato Xunta de Galicia absoluto e de probas combinadas de pista curta, unha cita que se desenvolverá ao longo de toda a fin de semana en tres sesións e que volverá situar a Ourense como referente do atletismo indoor.

A presentación oficial do evento tivo lugar no propio recinto feiral e contou coa participación do presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; o director-xerente de Expourense, Rogelio Martínez; o xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta, Manuel Pérez; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes de Ourense, Aníbal Pereira; o asesor de Deportes da Deputación, Enrique Álvarez; e o vicepresidente federativo, Eladio Gómez.

Durante o acto púxose en valor a evolución experimentada polo atletismo galego desde a apertura da pista cuberta de Expourense hai nove anos. Neste tempo, a instalación acolleu practicamente todos os campionatos autonómicos de pista curta, varias citas nacionais e mesmo competicións internacionais. Ademais, nela rexistráronse récords de España, máis dun cento de mellores marcas galegas e un récord mundial, consolidando a cidade como sede habitual de grandes eventos atléticos.

A competición desta fin de semana contará con arredor de 400 deportistas e preséntase con probas moi abertas malia algunhas ausencias destacadas. En velocidade, os 60 metros terán como principais aspirantes a Antón Rivero e Cristina Garrido. Nos 200 metros destaca Eloy García como único atleta masculino que baixou dos 22 segundos esta tempada, mentres que en categoría feminina agárdase un duelo entre Inés Oitaven e Andrea Pais.

Nos 400 metros sobresae Lucas Vázquez tras baixar da barreira dos 49 segundos, e nos 800 metros tomarán protagonismo Anxo Lado e Irma Veiguela, ambos coas mellores marcas do ano entre os inscritos. No medio fondo, os 1.500 masculinos enfrontarán a Pablo Ulla co campión galego de campo a través, David de la Fuente, que tamén competirá nos 3.000 metros. Nesta última distancia feminina participarán as internacionais Debris e Demeku Paniagua.

Nas probas de valos destaca a presenza da plusmarquista galega Uxía Pereira, mentres que en categoría masculina Santi Rozas parte como favorito. No salto de altura, Adrián Pastoriza e Gael Couñago figuran entre os atletas que superaron os dous metros esta tempada, e en feminina competirán Iria Solera e Andrea Reija.

A pértega contará coa presenza da ourensá Manuela Blanco, medallista Sub23, que buscará superar os catro metros, mentres que Pablo Fernández e Miguel Carbajales parten como referencias na proba masculina. En lonxitude, Sergio Coello intentará mellorar o seu mellor rexistro do ano, e no triplo salto prevese igualdade tanto en categoría masculina como feminina.

No lanzamento de peso, a ausencia de Fernando Vallines deixa aberta a loita polo título, con Víctor Gallego entre os principais aspirantes. En categoría feminina, Xiana Lago parte como favorita. Nas probas combinadas, Martina Gutiérrez defenderá a puntuación acadada recentemente en Braga, mentres que Aitor Fernández competirá na categoría masculina.

⚙ Configurar cookies
0.10700583457947