Preto de 500 escolares de Ourense participan nun ciclo de concertos didácticos coa pianista María Mendoza

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Educación, puxo en marcha esta semana un ciclo de concertos didácticos para achegar a música de piano a preto de 500 escolares de 4º de Educación Primaria de oito centros educativos da cidade.
As sesións están a cargo da pianista, compositora e docente María Mendoza, que se despraza aos colexios para ofrecer concertos de carácter formativo. Cada actividade ten unha duración aproximada de 70 minutos e combina a explicación das características técnicas do piano, a interpretación de pezas da literatura clásica e a composición musical en directo.
A concelleira de Educación, Tamara Silva, asistiu este martes a unha das sesións celebradas no CEIP Seixalbo, un dos centros participantes xunto cos CEIP Prácticas, Albino Núñez, Mariñamansa e O Couto, o CPR Padre Feijoo, o CPI José García García-Mende e o CEIP Manuel Sueiro.
O programa busca que o alumnado teña un papel activo durante os concertos, favorecendo a interacción coa música. A través desta experiencia, os escolares poden coñecer o funcionamento e as distintas partes do piano, escoitar obras de diferentes estilos e autores, e participar na creación colectiva dunha pequena peza musical utilizando o instrumento como ferramenta creativa.