Preto dun cento de pilotos participaron esta fin de semana no XI Rallymix Concello de Barbadás

O XI Rallymix Concello de Barbadás “Memorial Gonzalo Belay” reuniu esta fin de semana a case un cento de pilotos profesionais no municipio, consolidándose como unha das probas automovilísticas máis destacadas de Galicia. A cita, organizada pola Escudería Barbadás coa colaboración do Concello, desenvolveuse con normalidade e baixo estrictas medidas de seguridade.
Para garantir a seguridade de participantes e público, a Concellería de Emerxencias, xunto con Obras Públicas e co apoio da Deputación, investiu uns 6.000 euros na adecuación de pistas e camiños. Ademais, despregouse un amplo dispositivo con medios de extinción, excarcelación e unha trintena de efectivos de Protección Civil, reforzados por agrupacións de municipios veciños, mentres que a Policía Local estivo presente con todo o seu persoal.
Pola súa parte, a Concellería de Deportes colaborou coa Escudería Barbadás na organización, achegando carteis, premios e avituallamento para os pilotos, garantindo que a proba se desenvolvese con éxito tanto a nivel competitivo como loxístico.