Rafael López López recibiu o Premio Ourensanía 2025 pola súa traxectoria e vinculación coa provincia

O Teatro Principal de Ourense acolleu este luns o acto de entrega do Premio Ourensanía 2025, que este ano recoñece a labor do oncólogo Rafael López López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. O galardón destaca a súa “profunda e constante vinculación coa provincia”, así como o seu compromiso coa investigación e coa mellora da calidade de vida das persoas.
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, salientou que o premio rende homenaxe ás persoas que, co seu traballo e esforzo, son merecedoras do recoñecemento da provincia, distinguindo “esa identidade tan propia” que caracteriza ás xentes de Ourense, e puxo en valor a traxectoria do doutor, nado en Vilamartín de Valdeorras, a prol da sanidade na provincia.
Rafael López López recibiu unha escultura de bronce do artista Xosé Cid e expresou a súa gratitude ao xurado por outorgarlle este premio. “Galicia é unha patria que se leva na alma” e “Ourense, no corazón”, dixo ao recibir o galardón.
Rafael López é catedrático da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (USC), director do Grupo de Oncoloxía Traslacional do IDIS, coordinador da área de cancro de Oncomet e presidente de ASEICA.
Na súa traxectoria destaca o impulso á investigación contra o cancro en Galicia a través de Oncomet, que se converteu nun referente nacional e internacional. Foi tamén presidente da Sociedade Galega do Cancro e participou activamente na Estratexia Galega contra o Cancro. Ademais, é pioneiro en España no desenvolvemento da biopsia líquida, unha técnica que hoxe é xa unha realidade nos hospitais galegos.