Ramirás súmase á campaña ‘Outono Gastronómico no Turismo Rural’ cun novo establecemento

OurenseXa
O obxectivo deste programa promovido pola Axencia de Turismo de Galicia é dinamizar o turismo no eido rural e favorecer a desestacionalización
presntacion-outono-gastronomic-turismo-rural-ramiras
7 Nov 2025

Ramirás incorpora un novo establcemento á campaña ‘Outono Gastronómico no Turismo Rural’, unha iniciativa promovida pola Axencia de Turismo de Galicia que, segundo explicou o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, busca “dinamizar o turismo no eido rural e favorecer a desestacionalización neste período, e ao mesmo tempo promover a nosa singular gastronomía”.

O delegado visitou esta mañá o concello acompañado do xefe de área de Turismo, Cecilio Santalices, da alcaldesa, Isabel Gil, e do presidente da Mancomunidade Terra de Celanova, Jaime Sousa, para coñecer de primeira man o novo establecemento adherido á campaña, ‘Casa Ramirás’.

Durante a visita, Pardo destacou que nesta 19ª edición participan 16 establecementos da provincia de Ourense, nun programa que se desenvolve desde o 19 de setembro ata o 21 de decembro. O obxectivo, segundo explicou, é “dinamizar o turismo no eido rural e favorecer a desestacionalización neste período, e ao mesmo tempo promover a nosa singular gastronomía en combinación coas agradables estadías nas casas de turismo rural da nosa comunidade con modalidades e prezos moi atractivos”.

O delegado salientou tamén que a proposta do Outono Gastronómico “convértese nunha excelente oportunidade para atraer turistas de fóra, pero tamén para que os propios galegos poidan descubrir e gozar da paisaxe, da gastronomía e da calidade dos establecementos rurais de comarcas que aínda non coñezan”. Engadiu que, desde o seu inicio en 2007, o programa “xerou máis de 6,6 millóns de euros de ingresos no sector e contou coa participación de máis de 100.000 persoas”.

Segundo explicou Pardo, os establecementos participantes ofrecen dous menús elaborados con produtos galegos de calidade, combinando “a cociña tradicional e a nova cociña con denominación de orixe galega”, ambas comprometidas coa redución da pegada de carbono e coa utilización de produtos artesanais e de temporada.

A oferta inclúe distintas modalidades, como o menú Outono Gastronómico, cun custo de 37,50 euros por persoa, ou paquetes con estadía que van desde 105 euros por persoa en cuarto individual ata 260 euros para dúas persoas nun cuarto dobre durante a fin de semana. Tamén se ofertan opcións familiares, con prezos que oscilan entre 310 e 360 euros, segundo o número de nenos e o tipo de aloxamento.

Ademais, seis establecementos da provincia ofrecen o Outono Plus, un paquete que incorpora actividades complementarias como paseos a cabalo, sendeirismo, descenso en kayak ou visitas a adegas con degustación, co obxectivo de completar a experiencia gastronómica con propostas de lecer e contacto coa natureza.

⚙ Configurar cookies
0.074347972869873