Recibidas catro ofertas para mellorar a OU-540 entre Celanova e Bande ao seu paso por Verea

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu catro ofertas de empresas para levar a cabo as obras de mellora da estrada autonómica OU-540 no tramo comprendido entre Celanova e Bande, ao seu paso polo concello de Verea. A actuación será executada pola Axencia Galega de Infraestruturas e contará cun investimento de 6 millóns de euros.
Segundo o previsto, os traballos terán un prazo de execución de 18 meses e abranguerán un treito de 14 quilómetros. A intervención incluirá o acondicionamento da vía, coa ampliación da plataforma, a habilitación de terceiros carrís, a corrección de curvas e a mellora do firme.
O proxecto contempla tamén a creación de sendas peonís nos núcleos de Agrelo e Carballo, no municipio de Verea, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria nestas zonas.
Desde o departamento que dirixe María M. Allegue sinalan que esta actuación se enmarca na aposta pola vertebración do interior de Galicia, coa finalidade de mellorar as comunicacións entre municipios, favorecer o asentamento da poboación e contribuír á actividade económica.