Rematan as obras da Senda do Barbaña na Avenida de Pardo de Cela

OurenseXa
O proxecto forma parte do Eixo de Mobilidade Peonil e Ciclista que a Xunta desenvolve en Ourense cun investimento total de 5,4 millóns de euros e que terá unha lonxitude de 4 quilómetros
fin-obras-senda-do-barbaña-pardo-de-cela
6 Nov 2025

As obras da Senda do Barbaña na avenida de Pardo de Cela chegaron ao seu fin este xoves. O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a zona xunto con técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas para supervisar o remate dos traballos, que se enmarcan na actuación global que o Goberno galego executa na cidade.

Pardo destacou que esta intervención ten unha gran relevancia “por tratarse dunha das principais vías de entrada e saída da cidade”, ademais de coincidir co trazado do Camiño de Santiago na Vía da Prata, nas inmediacións da Ponte Vella e dentro do contorno protexido do Ben de Interese Cultural (BIC). “Tivéronse en conta o tránsito de peregrinos nesta antesala da Ponte Vella, na marxe esquerda do río Miño, e por tanto, dentro do BIC do devandito monumento”, sinalou.

O obxectivo principal dos traballos centrouse en mellorar a seguridade viaria e peonil, creando unha ampla superficie que permita realizar cruces en distintas direccións con garantías. Para iso, coordináronse os semáforos da zona do Pavillón Municipal dos Remedios e do Colexio Salesianos, e incorporouse sinalización podotáctil, novo marcado viario e sinalización horizontal nos pasos de peóns e nos carrís de circulación.

A obra forma parte do Eixo de Mobilidade Peonil e Ciclista de Ourense, que conectará puntos clave como a avenida das Caldas, a Ponte Romana, o paseo do Barbaña, Expourense e o Pazo dos Deportes Paco Paz, ao longo dun percorrido norte-sur de catro quilómetros.

As actuacións fináncianse a través dos fondos europeos Next Generation, dentro dos proxectos que a Xunta impulsa para fomentar a mobilidade sustentable e reducir as emisións urbanas nas cidades galegas.

⚙ Configurar cookies
0.074579954147339