Rematan as obras de ampliación da biblioteca do CEIP Seixalbo
As obras de ampliación da biblioteca do CEIP Seixalbo, en Ourense, veñen de rematar logo dun investimento de preto de 50.000 euros da a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
As obras que se desenvolveron neste centro educativo consistiron na demolición de tabiques de separación de locais destinados a antigos laboratorios e almacéns coa biblioteca actual, para conseguir un espazo máis amplo duns 203 metros cadrados.
Tamén se levou a cabo a instalación eléctrica e da calefacción; colocación de falsos teitos; substitución do chan por un novo con tarima de vinilo; e realizáronse os remates de albanelaría, carpintería e pintura.
En total, este ano destinaranse un total de 15,6 millóns de euros á execución de obras nos centros educativos da provincia de Ourense. Entre as actuacións máis destacadas están as do novo IES do Pereiro de Aguiar, cun orzamento de 300.000 euros, a ampliación do CIFP A Farixa, cun investimento de 970.000 euros, e a ampliación do IES Manuel Chamoso Lamas, con 1,5 millóns de euros, e o investimento de 3,3 millóns de euros na acreditación de excelencia do Campus Auga da Universidade de Vigo.