Rematan os traballos de acondicionamento da travesía da OU-104, en Maceda

OurenseXa
As obras contaron cun investimento de 1,5 millóns de euros
Traballos de acondicionamento na OU-104, en Maceda
Traballos de acondicionamento na OU-104, en Maceda
20 Nov 2024

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, os traballos de acondicionamento executados na estrada OU-104 ao seu paso polo concello de Maceda, nos que a Administración autonómica vén de investir 1,5 millóns de euros.

Allegue subliñou o resultado da actuación, que ten transformado este espazo e permitido renovar os servizos urbanos nesta travesía, ademais da renovación tamén dos pavimentos das beirarrúas e da calzada. As obras completáronse coa instalación de pasos peonís sobreelevados para garantir a seguridade. “En definitiva -destacou-, unha intervención integral que deixa este treito nas mellores condicións de accesibilidade e con todos os servizos renovados”.

Lembrou que foi “unha obra difícil polos servizos afectados, e neste senso pedimos desculpas á veciñanza, pero o resultado ben paga a pena”. “Estamos a falar de conservar as nosas estadas con actuacións de humanización, en colaboración coas administracións locais, neste caso nesta vía vertebradora de Maceda”.

Neste concello tamén se investiron entre 2023 e 2024 un total de 640.000 euros na mellora do firme das estradas autonómicas OU-101 e OU-536.

A conselleira destacou o claro compromiso da Xunta de Galicia cunhas infraestruturas “modernas e sostibles e por seguir avanzando para reducir ao máximo os riscos dos usuarios”. Neste senso, os orzamentos do 2025 a Consellería destinarán 265 millóns de euros a esta aposta e, dentro dese investimento, a seguridade viaria, a través da conservación das estradas autonómicas e a mellora de firmes volve tamén a ser un eixo fundamental, con máis de 68 millóns de euros.

0.053689002990723