Renfe transportou a 1,5 millóns de pasaxeiros entre A Coruña e Ourense no 2023

ACoruñaXa | OurenseXa
Segundo Renfe, a liña de tren Avant que conecta as dúas cidades galegas, cunha parada en Santiago de Compostela, é o terceiro traxecto máis demandando a nivel nacional nos servizos de media distancia
Estación renfe Coruña
28 Feb 2024

Renfe rexistrou en 2023 máis de 7 millóns de viaxeiros nos trens de Servizo Público de Galicia, segundo os datos provisionais publicados pola empresa. Esta cifra supón un incremento do 43% en comparación co exercicio de 2022. Estes servizos inclúen os trens de Media Distancia Convencional, Avant e Proximidades Ancho Métrico.

A prórroga dos abonos para clientes recorrentes durante 2023 xerou nos trens de servizo público de Galicia unha demanda moi elevada. A aposta polo ferrocarril viuse reflectida no aumento de viaxeiros, rexistrando preto de 2,1 millóns máis que o ano anterior.

O servizo Avant A Coruña-Santiago de Compostela-Ourense transportou en 2023 preto de 1,5 millóns de clientes, un 41% máis que en 2022 e ocupa o terceiro posto a nivel nacional dos servizos de media distancia alta velocidade prestado por Renfe en todo o territorio nacional, despois do Avant Madrid-Segovia-Valladolid e o Avant Madrid-Toledo.

Os trens de Media Distancia Convencional que conectan diferentes puntos da xeografía galega, incluído o Eixo Atlántico Vigo-Santiago-A Coruña, rexistraron unha subida no último ano do 40%, con máis de 5,3 millóns de usuarios.

O uso do tren, medio de transporte colectivo respectuoso co medio ambiente, evitou en Galicia a circulación de máis de 4,6 millóns de vehículos e o consumo de máis de 460.000 litros de gasolina. Tamén freou a emisión de preto de 1.080 toneladas de CO2 á atmosfera.

0.090451955795288