Restriccións de tráfico en Ourense durante este sábado pola celebración do Rally
O Rally de Ourense Recalvi afronta este sábado a súa derradeira xornada, provocando restriccións de tráfico que afectarán tamén ao centro da cidade. Así, durante toda xornada de hoxe, as rúas da contorna do Parque de San Lázaro sufrirán diversas restriccións que afectarán tanto aos particulares como ao transporte público e os taxis.
Restriccións para o tráfico en xeral
Os vehículos que circulen pola rúa Xoán XXIII, en sentido norte non poderán acceder á rúa Concello. Deberán continuar a súa marcha por Xoán XXII, en sentido contrario ao habitual e seguir por detrás da Subdelegación do Goberno.
Pola súa banda, os vehículos que circulen pola Avenida da Habana e pretendan continuar en sentido sur por Xoán XXII, non poderán xirar á esquerda. Deberán continuar pola rúa da Habana cara á Praza de Concepción Arenal.
Por último, os vehículos que circulen pola rúa Concello á altura da intersección con Xoán XXIII deberán xirar cara á dereita por esta rúa cara ao Progreso ou á esquerda por Xoán XXIII, en sentido contrario ao habitual, até a Avenida da Habana.
Restriccións de tráfico para residentes
As persoas residentes na rúa Bedoya, no treito que vai desde a rúa Valle Inclán até o Parque de San Lázaro, e Cardeal Quevedo, entre A Habana e o parque, poderán acceder e saír dos seus domicilios cos seus vehículos, xa que a organización do rally habilitará estes treitos con dobre sentido de circulación nos intervalos horarios indicados.
Restriccións no transporte público
Habilítanse paradas alternativas de autobuses e taxis: para os buses que circulan en sentido norte anúlase a parada do Parque e habilitase outra en Xoán XXIII (detrás da Subdelegación), para os que circulan sentido sur: anúlase a parada de Xoán XXIII (detrás da Subdelegación) e habilítase outra na Habana, número 39. Por último, para os taxis anúlase a parada do Parque e habilítase outra na rúa Santo Domingo (entre o Parque e Concordia).