Rexístranse máis de 1.600 alegacións contra a macroplanta de biogás proxectada en Xunqueira de Ambía

Macroplanta Biogás na Limia NON, a plataforma que organiza a oposición veciñal á instalación en Xunqueira de Ambía dunha industria de produción de combustíbel a partir de residuos, rexistrou este luns máis de 1.600 alegacións contra o proxecto nas oficinas da Subdelegación do Goberno e do concello de Xunqueira de Ambía.
Os escritos de oposición ao proxecto que impulsa ENCE superan xa aos recollidos durante toda a campaña do primeiro proceso de participación pública entre outubro e novembro, e evidencian que a alarma social aumentou na medida en que a sociedade civil foise organizando para cubrir o baleiro de información ao redor do plan de ENCE.
A plataforma denuncia que a planta proxectada presenta graves riscos para a conservación da fauna e da flora da zona da Lagoa de Antela hoxe protexida dentro da Rede Natura, ademais de graves prexuízos para a saúde e a vida das veciñas nas localidades próximas á macroinstalación.
Ademais, entre os impactos do proxecto, o colectivo alerta dos cheiros que emiten este tipo de instalacións -que están a ser fortemente contestadas en diferentes lugares do Estado-, do enorme volume de residuos a tratar (166.000 toneladas/ano, di a promotora nos documentos a avaliación), dos vertidos ás augas nunha área inundábel, e nunha comarca de augas contaminadas por nitratos que ten pendente a declaración de Zona Vulnerábel.
Dende o colectivo critican que fronte á persión veciñal, o goberno municipal do Concello de Xunqueira de Ambía vén de publicar un escrito de alegacións que non discute a viabilidade ambiental e social da macroplanta nin reclama a denegación dos permisos para a súa instalación tendo en conta a gravidade dos impactos previstos, especialmente o enclave da marcroplanta (incluído un polígono fotovoltaico) no linde da ZEPA e a invasión da área protexida por infraestruturas de servizo.
Nos próximos días, Macroplanta Biogás na Limia NON, informará de novas accións informativas durante as tres semanas que restan para o remate do prazo de presentación de alegacións, e lembra que se seguirán recibindo escritos de oposición nos 31 puntos habilitados en 9 concellos: Xunqueira de Ambía, Sandiás, Allariz, Xinzo de Limia, Maceda, Vilar de Santos, Vilar de Barrio, Celanova e Ourense.