Román Rodríguez destaca a contribución Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular

OurenseXa
O conselleiro salientou a contribución deste centro mixto á economía circular e á sustentabilidade, en liña coas prioridades de Europa e da política de I+D+i da Xunta de Galicia
Román Rodríguez visita o Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular de Ourense
12 Jul 2024

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitou esta mañá na EDAR de Ourense a ecofactoría xestionada por Viaqua na que a empresa e o centro de apoio á innovación tecnolóxica Cetaqua están a probar os proxectos de I+D+i que están a desenvolver conxuntamente no ámbito da sustentabilidade e a eficiencia do ciclo da auga.

En concreto, coñeceron os avances do Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular, posto en marcha por Viaqua e Cetaqua co apoio da Xunta de Galicia no ano 2022, como evolución de dúas unidades mixtas de investigación anteriores, co obxectivo de reintroducir residuos de orixe industrial, urbano, agrícola e rural na cadea produtiva, incluíndo o tratamento de microplásticos, o uso de hidróxeno verde e biometano para enerxía, a produción de biocompostos e innovación dixital.

O conselleiro de Ciencia salientou a contribución deste centro mixto á economía circular e á sustentabilidade, en liña coas prioridades de Europa e da política de I+D+i da Xunta de Galicia. Así mesmo, Rodríguez subliñou o carácter estratéxico desta alianza entre un organismo de investigación e unha empresa co obxectivo de desenvolver conxuntamente actividades de I+D+i en ámbitos prioritarios para Galicia, como é o medioambiental, impulsando así a transferencia dos resultados da investigación ao tecido produtivo e a atracción de empresas cara a nosa Comunidade. Por último, destacou o papel impulsor de talento do centro, no que traballan actualmente 12 profesionais altamente cualificados.

Os centros mixtos de investigación son a terceira fase do programa de apoio ás unidades mixtas de investigación, un instrumento singular posto en marcha pola Xunta de Galicia no ano 2014 co obxectivo de crear emprego cualificado, impulsar a transferencia de I+D+i ao tecido industrial galego, a atracción de empresas foráneas e a mellora da súa competitividade e o desenvolvemento das capacidades dos organismos de investigación galegos.

Viaqua e Cetaqua teñen participado neste programa desde 2015 a través da creación, e posterior consolidación, dunha unidade mixta de investigación e, a partir do 2022, coa creación do centro mixto de investigación CIGAT Circular. En total, nas tres fases realizaron un investimento total de 7,7 millóns de euros, dos que a Xunta de Galicia achegou 2,7 millóns de euros. Desde a súa posta en marcha, a Xunta apoiou 55 unidades mixtas coa participación de 39 empresas e 14 centros de coñecemento, mobilizando preto de 155 millónsde euros.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17027688026428