Rubén Castillo López consolida a súa posición como nova promesa do automovilismo ourensán

OurenseXa
O piloto vén de gañar a bolsa “Motor Futuro” que promove a Deputación de Ourense en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo para promocionar a modalidade de rallys entre a mocidade
ruben-castillo-lopez-deputacion-ourense,
Rubén Castillo López recibe a bolsa “Motor Futuro”
2 May 2025

O presidente provincial, Luis Menor, recibiu hoxe a Rubén Castillo López, de 21 anos e natural de Ourense, que resultou ser o gañador da bolsa “Motor Futuro” que promove a Deputación de Ourense, en colaboración coa Federación Galega de Automobilismo.

O obxectivo desta bolsa, no marco dun programa de cooperación máis amplo entre ambas entidades, é promocionar a modalidade de rallys entre a mocidade e atopar novos talentos na provincia de Ourense, no marco do Campionato Xunta de Galicia-Recalvi da tempada 2025. Castillo foi o mellor piloto dentro dunha selección celebrada no Circuito de A Madalena, no Concello de Forcarei. Foi o máis rápido cun tempo de 1:57.181, superando en algo máis de dous segundos ao segundo clasificado Bruno Varela.

O presidente provincial, Luis Menor, tamén estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño, nun acto no que o piloto ourensán ensinou aos asistentes os detalles do vehículo co que competirá.

Luis Menor felicitou a esta nova promesa do automobilismo e puxo en valor o motor como “un deporte moi ourensán”, polo que a Deputación seguirá apoiando accións de fomento deportivo coma esta, que garantizan “un acceso igualitario ao deporte”.

Ademais, sinalou a “gran oportunidade de visibilidade para a provincia” que supón esta iniciativa, xa que o piloto levará o nome de Ourense polas probas deportivas.
Pola súa banda, Rubén Castillo agradeceu á Deputación a “gran oportunidade” que lle ofreceu a través do programa Motor Futuro e amosou as súas “gañas de desfrutar da experiencia e intentar aprender dos rallyes”.

Rallye da Mariña Lucense, primeira parada

A primeira parada do programa deportivo do novo piloto da Deputación de Ourense será os días 9 e 10 de maio con motivo do Rallye Mariña Lucense, primeira proba puntuable para a Sandero Eco Cup Galicia by Rodosa.

O vehículo que conducirá -construído por Javier López de Past Autos racing- será o primeiro en equipar combustible ecolóxico GLP, reducindo así o impacto medioambiental deste deporte.

O programa “Motor Futuro” tamén inclúe actividades de formación, a primeira delas en maio no Centro Cultural Marcos Valcárcel en torno á cronometraxe; promoción do deporte do motor en centros educativos da provincia; e unha bolsa para un deportista.

0.15168786048889