Rueda destaca que o Parque Acuático de Monterrei permitirá reforzar o potencial turístico da provincia

OurenseXa
O Parque Acuático de Monterrei inaugura este mércores unha nova fase, logo dun investimento de preto de nove millóns de euros
Inauguración do Parque Acuático de Monterrei
Parque Acuático de Monterrei
19 Xuño 2024

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou esta mañá que o parque acuático de Monterrei, que inaugurou este mércores unha nova fase, permitirá reforzar o potencial turístico da provincia de Ourense e dinamizar a economía da contorna. “Temos que darlle unha nova vida, dinamizar e dar oportunidades ao interior de Galicia e este é un magnífico exemplo”, sinalou.

Durante unha visita ao recinto, acompañado do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, o presidente salientou que grazas a estas instalacións, a provincia de Ourense vaise converter nun referente do ocio acuático para todas idades. “É un complexo para desfrutar dun día diferente en familia, desde os cativos ata os maiores”, indicou Rueda, quen lembrou que ademáis da área de piscinas e tobogáns, o parque conta con zona deportiva coma pistas de pádel, tenis ou atletismo.

Tras apertura no verán de 2023 das primeiras instalacións (piscina infantil, piscina de relax, de ondas ou a zona de splash), hoxe inaugurouse a fase 1 xa totalmente rematada deste complexo que inclúe novos servizos como aparcadoiro, vestiarios, sendas peonís e zona de xogos para nenos así coma catro novas atraccións acuáticas: hidrotubos abertos e pechados e dous novos tobogáns.

Tal e como salientou Rueda, a Xunta foi a encargada de executar as obras da fase 0 e 1 do complexo lúdico-deportivo, nas que investiu preto de 9 millóns de euros. As instalacións vanse completar cunha nova área de relax (río de cascadas, piscina de nado...), máis atraccións de auga e un parque multiaventura. A Deputación de Ourense levará a cabo estas tres últimas fases.

O presidente fixo fincapé en que este novo complexo lúdico-deportivo é unha oportunidade para xerar emprego na comarca e servirá de atractivo “para a xente que nos visite e para que os galegos fagamos turismo” no interior da comunidade.

Lui Menor califica a xornada como "día histórico" para a provincia de Ourense

Como “día histórico, dos de verdade”, calificou esta mañá o presidente provincial a inauguración do Parque Acuático de Monterrei. Luis Menor, en calidade de presidente da Deputación e tamén como alcalde do municipio onde se ubica esta infraestrutura, Pereiro de Aguiar, acompañou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, na apertura deste espazo de lecer, “a obra máis importante destas características no noroeste de España”, tal e como a definiu Menor, agradecendo ao presidente do Executivo galego “este investimento de 10 millóns de euros que contribúe a facernos máis grandes con accións estratéxicas coma esta”.

Luis Menor fixo un repaso das vicisitudes polas que pasou este proxecto, destacando as parálises e retrasos provocados pola pandemia de covid e pola crise de suministros e alza de prezos ocasionada pola guerra de Ucraína, o que conlevou á renuncia da empresa adxudicataria inicial, obrigando a volver a licitar e adxudicar as obras. “Sempre tivemos a visión estratéxica para saber que detrás deste proxecto había creación de riqueza e mellora de servizos, unha gran oportunidade global pola súa natureza”, explicou o presidente provincial.

Así, trala posta en marcha da fase 0 (previa á acuática) en 2021, e a posta en servizo de xeito parcial a finais do verán pasado, cunha afluencia acreditada de 23.000 persoas en apenas un mes, “hoxe en día este espazo albergará 2.500 persoas cada día, creando máis de 40 empregos directos nas súas instalacións”, explicou Menor, quen salientou a importancia que suporá como polo de atracción turística: “coa chegada do AVE, este parque acuático, na porta de entrada á Ribeira Sacra, vai ser un factor de atraccion moi importante para a nosa provincia”, dixo, ao tempo que lembraba que na Deputación sempre houbo gran confianza neste proxecto desde os inicios e a vontade de cooperar xa era firme no anterior mandato e continúa a selo. Precisamente, neste ano consignáronse 1,5 millóns de euros para este Parque Acuático de Monterrei nos orzamentos 2024.

0.19064378738403