Rueda salienta en Baños de Molgas o potencial do turismo termal para xerar emprego e fixar poboación no rural

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu esta semana o papel estratéxico do turismo termal como motor de emprego e como ferramenta para frear a perda de poboación nos municipios do rural galego durante un encontro co director xeral de Punta 25 Hotels Group, Agustín Pescador, así como con outros responsables da compañía, que acaba de adquirir o histórico balneario de Baños de Molgas coa finalidade de reabrilo como un establecemento de catro estrelas.
Na reunión, á que tamén asistiron o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o alcalde de Baños de Molgas, Manuel Ángel Fernández, destacouse a aposta da Xunta por consolidar Galicia como referente termal. Un dos piares desta liña de actuación é o Plan de Turismo Termal, dotado con máis de 10 millóns de euros ata 2028 e concibido para “seguir modernizando, diversificando e fortalecendo o sector”.
Durante o encontro tamén se puxo en valor o carácter patrimonial e simbólico do balneario de Baños de Molgas, aberto en 1873 e situado na Vía da Prata do Camiño de Santiago. Ademais do peso histórico do concello, cuxa identidade está ligada ás augas termais desde a época romana, destacouse o potencial dos seus recursos naturais e culturais para reforzar o atractivo turístico da zona.
O Plan de Turismo Termal 2028, integrado na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, busca reposicionar a comunidade como destino líder neste ámbito. Para iso, a Xunta puxo en marcha dúas liñas de axudas destinadas á creación de proxectos tractores e á rehabilitación ou mellora de establecementos da categoría de hoteis balneario e hoteis talaso, co obxectivo de ampliar e renovar a oferta existente.
En paralelo, continúa o desenvolvemento do proxecto Galicia Spa Pilgrimage, unha iniciativa impulsada por Turismo de Galicia que combina termalismo e rutas xacobeas. O propósito é promover un novo produto turístico estratéxico que contribúa á desestacionalización e fortaleza o posicionamento internacional de Galicia.