San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar lanzan un servizo conxunto de asesoramento técnico en vivenda

Os concellos de San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar presentan un servizo pioneiro que busca facilitar á veciñanza a rehabilitación, alugueiro ou compra de vivendas. O obxectivo é ofrecer unha atención personalizada para facer estes procesos máis accesibles e sinxelos.
O servizo estará dispoñible os mércores en San Cibrao das Viñas, no Concello, en horario de 9:00 a 14:00 horas, e os venres en Pereiro de Aguiar, tamén de 9:00 a 14:00 horas.
Entre as áreas nas que se poderá recibir asesoramento destacan a tramitación de subvencións para rehabilitación e eficiencia enerxética, axudas para a adquisición de vivenda nova ou de segunda man, xestión de axudas ao alugueiro e estudos de viabilidade para proxectos de reforma.
As persoas interesadas poden solicitar cita previa a partir deste luns, a través dos canais habituais dos concellos, e o servizo comezará a funcionar na primeira semana de febreiro.