San Cibrao das Viñas pecha o Campamento de Nadal cunha entrega de diplomas e chocolatada

O Concello de San Cibrao das Viñas puxo punto e final á edición deste ano do Campamento de Nadal, unha proposta dirixida ás nenas e nenos do municipio para facilitar a conciliación familiar durante as vacacións e ofrecer actividades de ocio educativo.
Segundo indicou o propio Concello, o peche do campamento foi unha xornada especial na que as e os participantes gozaron de diferentes dinámicas e xogos e, como broche, celebrouse a entrega de diplomas, na que estivo presente a alcaldesa, Marta Nóvoa. A despedida completouse cunha chocolatada, nun ambiente festivo e de convivencia.
Dende o goberno local agradeceron a participación das familias e da rapazada e avanzaron que o campamento volverá na súa próxima edición.