San Cibrao das Viñas recibirá preto de 120.000 euros para mellorar a eficiencia enerxética da escola infantil municipal

Os traballos consistirán na renovación da envolvente térmica e na optimización do consumo enerxético do edificio
escola-infantil-san-cibrao-das-viñas
18 Dec 2025

O Concello de San Cibrao das Viñas foi un dos beneficiarios da última convocatoria de axudas da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, destinada a proxectos de mellora da eficiencia enerxética en infraestruturas municipais. Así o confirmou esta mañá Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense, durante a súa visita ao municipio.

Para o período 2025-2026, a Xunta destinou un total de 5 millóns de euros, cofinanciados con fondos Feder, dirixidos a concellos de menos de 30.000 habitantes. No caso de San Cibrao das Viñas, a axuda ascende a preto de 120.000 euros, que se investirán na renovación da envolvente térmica e na optimización do consumo enerxético do edificio que alberga a escola infantil municipal.

Segundo explicou Manuel Pardo, as actuacións contemplan “a retirada das carpinterías e vidros por novas xanelas de alta eficiencia enerxética, a substitución da caldeira alimentada con gas natural por un sistema de aerotermia, e o cambio das actuais pantallas de tubos fluorescentes por tecnoloxía LED de baixo consumo”. O obxectivo é crear un contorno máis saudable, eficiente e respectuoso co medio ambiente para o benestar dos nenos e nenas.

O delegado territorial sinalou que estas axudas cobren ata o 80% dos gastos en melloras de illamento, iluminación interior e climatización, cun límite de 120.000 euros por proxecto. Ademais de San Cibrao das Viñas, outros municipios da provincia de Ourense tamén foron beneficiarios, cunha inversión total superior a 1,5 millóns de euros.

Manuel Pardo subliñou que esta liña de financiación forma parte dunha estratexia para “contribuír á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e á mitigación dos efectos do cambio climático, en liña coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 e o Programa Feder Galicia 2021-2027”. Así mesmo, destacou que estas iniciativas permiten “facilitar aos concellos galegos o aforro enerxético e económico, así como a mellora ambiental e do confort do persoal e da cidadanía usuaria dos servizos municipais”.

En paralelo, o delegado lembrou o compromiso do Goberno galego co eido local, destacando a continuidade e aumento de fondos para infraestruturas, compensación ambiental e proxectos estratéxicos municipais, así como novas iniciativas como a creación dun banco de maquinaria municipal compartida.

Con estas medidas, o Executivo autonómico impulsa preto de mil proxectos en toda Galicia, apoiando a calidade de vida en zonas rurais e fomentando o desenvolvemento económico local.

⚙ Configurar cookies
0.081232070922852