Sandra Gómez, do CD Ourela, cuarta clasificada no Trofeo Xunta de patinaxe artística

A patinadora Sandra Gómez, do Club Deportivo Ourela, acadou a cuarta posición no Trofeo Xunta de patinaxe artística, disputado esta fin de semana en Redondela. A competición supón o inicio da tempada en categoría nacional nas modalidades de danza e parellas.
Gómez converteuse na primeira deportista dun club ourensán en participar neste certame, no que competiu logo de conseguir o ascenso a categoría nacional hai menos dun mes. Segundo indica o club, a patinadora e o equipo técnico afrontaron o reto de preparar a participación nun curto prazo de tempo, tendo que elaborar unha nova coreografía en apenas tres semanas.
Aínda así, a deportista logrou situarse en cuarta posición tras o primeiro programa, clasificación que mantivo tamén na segunda actuación, celebrada na mañá do domingo, rematando no cuarto posto final. Este resultado sitúaa entre as mellores patinadoras galegas na categoría junior, despois de apenas medio ano de adestramento nesta disciplina, á que se incorporou nesta tempada xunto co Club Ourela.
O sábado, Gómez finalizou cuarta tras o primeiro programa, unha posición que consolidou na segunda proba do domingo, nunha competición na que se enfrontou a patinadoras xa asentadas na categoría nacional.
Tanto a deportista como o equipo técnico teñen agora o foco posto nas próximas citas da tempada. O seguinte obxectivo será o Campionato Galego, que se celebrará os días 25 e 26 de abril en Arteixo. Antes diso, participará no Campionato de España de Cuartetos Junior, que terá lugar en Alcoi (Alicante), xunto ás súas compañeiras Aldara, Sofía e Vega.