Sete lumes permanecen activos na provincia de Ourense, que supera xa as 72.200 hectáreas arrasadas

O lume continúa estendéndose pola provincia de Ourense e, segundo o último balance provisional da Consellería do Medio Rural, este mércores permanecen activos sete lumes e outros cinco están estabilizados, superando xa as 72.200 hectáreas arrasadas.
A Situación 2 mantense en todo o territorio, o que implica maior rapidez na mobilización de medios da comunidade, do Estado e da Unidade Militar de Emerxencias (UME). O operativo traballa reforzado, pero os frontes son tantos e tan virulentos que resulta imposible mantelos baixo control.
O maior incendio en superficie localízase en Larouco, na parroquia de Seadur. Declarado o mércores 13, devastou unhas 20.000 hectáreas, sendo o maior da historia de Galicia, e propagouse a concellos como Quiroga, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras.
Outro dos lumes máis devastadores é o que une os incendios de Chandrexa de Queixa e Vilariño de Conso, iniciados hai máis dunha semana en Requeixo, Parafita e Mormentelos. O pasado xoves ambos se fusionaron nun único gran fronte que xa calcinou unhas 18.000 hectáreas, estendéndose tamén a Manzaneda, Montederramo, A Pobra de Trives, O Bolo e Laza.
Outro dos incendios máis virulentos comezou o martes 12 en Oímbra, na parroquia da Granxa, e uniuse co que se iniciara días antes, o 9 de agosto, en Xinzo de Limia, na zona de Gudín. O lume avanza sen control e xa calcinou arredor de 15.000 hectáreas, estendéndose aos termos municipais de Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Trasmiras, Castrelo do Val e Baltar.
En só unhas poucas semanas, a provincia rexistra os tres maiores incendios da historia da comunidade dende que hay rexistros, superando por moito ao do Courel de 2022, que arrasou 11.500 hectáreas.
Na Mezquita, o incendio declarado na parroquia da Esculqueira o martes 12 arrasa unhas 10.000 hectáreas, afectando igualmente aos concellos da Gudiña e Viana do Bolo e traspasando incluso a fronteira cara á provincia de Zamora.
Vilardevós converteuse noutro dos puntos críticos. Na parroquia de Moialde reactivouse o xoves 14 un incendio que comezara o luns 11 e que afecta unhas 500 hectáreas.
Tamén seguen ardendo os montes de Carballeda de Avia e Beade. Os incendios iniciados en Vilar de Condes e en As Regadas o pasado venres acabaron uníndose nun único lume que permanece activo e que afecta unhas 4.000 hectáreas repartidas tamén entre os municipios de Avión, Melón, Leiro e Ribadavia.
Ademais, un novo lume en Carballeda de Valdeorras, na parroquia de Casaio, afecta xa unhas 20 hectáreas tras entrar dende Castela e León.
A estes oito grandes frontes activos súmanse outros cinco que lograron ser estabilizados. En Maceda, os incendios de Castro de Escuadro e Santiso uníronse nun único fronte que xa non avanza, tras calcinar unhas 3.500 hectáreas e afectar tamén ao municipio de Vilar de Barrio. En Vilardevós, o lume de Vilar de Cervos está estabilizado tras arrasar unhas 900 hectáreas, e o de Fumaces e A Trepa quedou estabilizado cun balance de 100 hectáreas. En Riós estabilizouse o incendio de Trasestrada, que queimou 20 hectáreas, mentres que en Montederramo, na parroquia de Paredes, o lume permanece estabilizado tras afectar unhas 120 hectáreas.
Pola contra, en San Cibrao das Viñas, o lume iniciado en Rante quedou extinguido, cun balance final de 40 hectáreas arrasadas.
As conexións ferroviarias siguen cortadas tras unha semana e non se prevé a súa reaprtura ata, polo menos, esta tarde a partir das 17:00 horas, cando Adif informará da situación. As autoridades chaman a extremar as precaucións nos desprazamentos por estrada nas zonas afectadas.