Sportur Galicia regresa a Expourense para promover o deporte inclusivo

Expourense converterase esta semana nunha gran cancha polideportiva que acollerá exhibicións, torneos e campionatos dunha vintena de disciplinas deportivas. Sportur Galicia, o VIII Salón do Deporte e Turismo Activo, celebrará entre o 22 e o 24 de maio unha edición especial centrada en Xogos Deportivos que buscan a inclusión e promoven o “deporte para todos”. Durante 3 días federacións, clubes e asociacións deportivos compartirán espazo en Expourense con distintas asociacións de persoas con diversidade funcional ou pertencentes a distintos colectivos sociais.
Esta edición especial de Sportur Galicia foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que participou o delegado territorial da Xunta de Galici a e presidente do comité executivo de Expourense, Manuel Pardo; o vicepresidente segundo da Deputación provincial de Ourense, César Fernández; o tenente alcalde do Concello de Ourense, Aníbal Pereira, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez. Estiveron acompañados por repsentantes dalgunhas das federacións e clubes deportivos participantes no evento.
Sportur Galicia divídese así en dúas partes e celebra no mes de maio a área deportiva e práctica, deixando para o mes de decembro a súa compoñente máis profesional a través do VI Congreso Internacional de Turismo e Deporte e da área expositiva vencellada co Turismo. Congreso e exposición están previstas para o 11 e 12 de decembro de 2025.
Trátase dun evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias). O obxectivo é convertirse nun escaparate para as federacións deportivas de toda a comunidade que aproveitarán a súa presenza en Sportur para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos e clases abertas para os visitantes. Desputaranse ademais varias “Copa Deputación”.
As federacións e asociacións e clubes deportivos presentes en Sportur Galicia realizarán distintas actividades que poden consultarse en www.sporturgalicia.com. Os deportes que estarán representados nesta cita son: Atletismo; Bádminton; Balonmán; Ciclismo; Esgrima Clásica; Fitness; Fútbol; Hockey; Karate; Pickleball; Piragüismo; Remo Indoor; Roller cross; Taekwondo; Tai-chi; Tenis; Voleibol; Wushu; Xadrez e Ximnasia.
Ademais da participación de escolares de Primaria e Secundaria de distintos centros escolares da provincia de Ourense, está confirmada a participación de membros de distintas entidades con diversidade funcional ou que representan a colectivos específicos. Participarán nesta primeira edición de Xogos Deportivos: Asociación Dano Cerebral Ourense; Asociación Discapacidade Ourense; Asociación Club Recreativo As Burgas; Asociación de Esclerose Múltiple de Ourense; Fundación San Rosendo (Los Milagros); Asociación Trascos. Autismo Galicia; Down Ourense; Asociación Trama; Fundación Intercultural Gitana e Centro de Menores Monteledo.
Sportur Galicia está organizado por Expourense co apoio Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Ourense.
A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades desta cita poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com ou dos perfiís en Facebook e Instagram. O horario de feira será o mesmo durante os tres días: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas.