Susana Rodríguez convértese na primeira muller en ocupar a alcaldía de Coles

Susana Rodríguez Rodríguez tomou posesión este 21 de marzo como nova alcaldesa de Coles, converténdose na primeira muller en ocupar o cargo. A rexedora socialista releva a Manuel Rodríguez, que deixa o posto tras 19 anos á fronte do Concello.
Durante a súa intervención, Rodríguez subliñou a responsabilidade de asumir o goberno municipal no último treito do mandato, unha circunstancia que, segundo sinalou, “non é unha debilidade, senón unha responsabilidade engadida para dar continuidade ao traballo realizado e, ao mesmo tempo, iniciar unha nova etapa política”.
A nova alcaldesa puxo en valor o significado do seu nomeamento en termos de igualdade, destacando que “non é só un símbolo, é romper unha inercia histórica e ese teito de cristal que durante demasiado tempo afastou ás mulleres dos espazos de decisión”. Neste senso, lembrou as palabras da presidenta de México, Claudia Sheinbaum, “non chego soa, chegamos todas”.
Rodríguez tamén apelou ao diálogo entre forzas políticas e defendeu un clima institucional baseado no respecto. “Este salón de plenos debe ser un espazo de debate serio, afastado do ruído, da mentira e do insulto”. Así mesmo, tivo palabras de recoñecemento para o seu antecesor, a quen agradeceu “case vinte anos de traballo que transformaron por completo Coles”, destacando avances en distintos ámbitos municipais. “Del aprendín que a política municipal non se fai desde un despacho, senón escoitando e estando ao carón da xente”, engadiu.
Precisamente, ese será o eixo do seu mandato. A alcaldesa asegurou que traballará desde a proximidade, con presenza nos 92 núcleos do municipio e co obxectivo de atender as necesidades reais da veciñanza.
En canto ás liñas de actuación, avanzou varios proxectos centrados no desenvolvemento do municipio, como a creación de espazos de lecer e deporte, a mellora das conexións peonís, a recuperación de terras abandonadas ou a aposta por un modelo enerxético máis sostible. Todas estas iniciativas, explicou, buscan “modernizar Coles, sen perder a súa identidade”.
“A prioridade é clara: que en Coles se poida vivir, traballar e quedar”, afirmou Rodríguez, quen reivindicou ademais o municipalismo como a política “que máis transforma a vida cotiá da xente”.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense valoraron positivamente este relevo, que consideran un fito histórico, e destacaron o perfil da nova alcaldesa como unha persoa “próxima, coñecedora do territorio e comprometida co municipalismo, entendendo este como a ferramenta política máis eficaz para transformar a vida cotiá da cidadanía”.