Taboadela aproba a RPT e a adhesión do Concello á Axenda 2030

OurenseXa
No pleno clebrado esta semana tamén foi aprobada a terceira certificación das obras da Casa da Cultura, unha modificación de crédito destinada a reforzar os servizos sociais, e o inicio do proceso de licitación da cafetería en Lama de Prado
casa-do-concello-de-taboadela
Casa do Concello de Taboadela
1 Aug 2025

No pleno celebrado o pasado luns no Concello de Taboadela, aprobáronse todos os puntos incluídos na orde do día polo grupo de goberno. As propostas, explican dende o Goberno municipal, saíron adiante cunha ampla maioría e sen votos en contra, agás unha Relación de Execución de Crédito (REC), que contou co voto negativo do grupo VETA.

Entre os asuntos aprobados destacan a aprobación definitiva da Relación de Postos de Traballo (RPT), unha vez resoltas as alegacións presentadas, a terceira certificación das obras da Casa da Cultura; unha modificación de crédito destinada a reforzar os servizos sociais, e o inicio do proceso de licitación da cafetería en Lama de Prado, coa aprobación dos pregos técnicos e administrativos. Tamén se acordou a adhesión do Concello á Axenda 2030, o que, en palabras do goberno local, “reforza o noso compromiso co desenvolvemento sostible”.

Durante a sesión tamén se deu conta dos decretos da Alcaldía e das subvencións concedidas nos últimos meses. A oposición non presentou ningunha moción nin iniciativa, algo que o goberno municipal cualificou como “habitual neste mandato”.

Desde o executivo local salientan que “a planificación e o rigor orzamentario” continúan sendo os piares da súa xestión, o que din, lles permite avanzar nas actuacións previstas para o que resta de ano. Entre estas obras figuran a humanización das aldeas de Vilar e Pasadán, a construción dunha nova pista multideporte en Lama de Prado, o asfaltado de varias estradas municipais e a preparación do terreo comunal de Xociños para crear unha pequena área recreativa.

O obxectivo, din dende o Concello, é “seguir traballando por un Taboadela con máis servizos, máis oportunidades e mellor calidade de vida para todos os veciños e veciñas”.

⚙ Configurar cookies
0.18222594261169