Tecnópole abre as reservas da Aula Newton para os meses de febrero a xuño

Agárdase que nesta edición participen uns 2.200 rapaces e rapazas de toda a comunidade
Aula-newton-tecnopole
Aula Newton, Tecópole
14 Jan 2025

A Aula Newton Galicia, a primeira que se instalou en España con carácter permanente, situada en Tecnópole, acaba de abrir os prazos para que os centros educativos de toda a comunidade se inscriban de xeito gratuíto na segunda quenda do curso, que se celebrará entre os meses de febreiro a xuño. Dirixida a alumnado desde 2º da ESO a 2º de Bacharelato e FP, esta aula de aprendizaxe de ciencias, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas está destinada a promover as carreiras científicas e tecnolóxicas entre a mocidade cun enfoque totalmente práctico e moi innovador. A Aula Newton Galicia, que vai pola súa cuarta edición, está impulsada conxuntamente pola multinacional Boeing, a organización sen ánimo de lucro FIRST Scandinavia, a Xunta de Galicia e Tecnópole.

Esta proposta enmárcase dentro das actividades de “Tecnópole Divulga”, que busca incentivar as vocacións científicas e o espírito emprendedor entre as xeracións futuras.
A Aula desenvolve a súa actividade os xoves e os venres, de 10:30 a 13:30 horas. Agárdase que nesta edición participen uns 2.200 rapaces e rapazas de toda a comunidade.
Os participantes terán a oportunidade de iniciarse no mundo da aviación a través do módulo “Voamos con números: unha aventura aérea”. Para iso a Aula Newton dispón de catro simuladores de voo profesionais, que permiten que o alumnado goce desta experiencia, converténdose en pilotos por un día. En cada xornada pode haber ata un máximo de 32 participantes e un mínimo de 24.

A rapazada deberá responder a unha hipotética misión de rescate localizada na nosa comunidade, proposta polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, situado na Estrada, froito da colaboración de Tecnópole coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), a través do 112 Galicia. Así, para calcular as rutas de voo e cumprir as diferentes misións, o alumnado porase á fronte dos simuladores de voo, asistidos e orientados en todo o proceso por un equipo de instrutores cualificados.

Para o alumnado de cursos superiores e para os grupos que xa coñecen esta experiencia, deseñouse unha proposta máis avanzada. Este reto esixe a realización de cálculos máis complexos, que implicarán desde a selección da aeronave e a elección dun aeródromo compatible coa súa distancia de despegue ata o cálculo do combustible necesario ou a creación dun plan de voo a partir dunhas coordenadas iniciais e finais.

No compromiso de Tecnópole de garantir unha educación inclusiva, favorécese a participación na Aula Newton de persoas e colectivos que teñen un difícil acceso ás actividades de divulgación. Nesta liña, estanse a empregar materiais didácticos específicos para persoas con algún tipo de necesidade especial.

0.16933679580688