Tensión no pleno extraordinario do Concello de Ourense tras o abandono do BNG

OurenseXa
Os nacionalistas abandonaron a sala en sinal de protesta contra a política do alcalde, mentres que PP e PSOE abstivéronse de aprobar unha modificación de crédito superior aos 24 millóns para o pago de débedas
salon-de-plenos-ourense
27 Oct 2025

O Pleno extraordinario do Concello de Ourense celebrado esta semana estivo marcado pola tensión política, especialmente despois de que o grupo municipal do BNG abandonou a sesión en sinal de protesta contra o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, ao que acusan de “perverter o debate político” e de empregar “a persoal externo á Corporación cando non ten argumentos políticos para rebatir aos do BNG”. Pola súa parte, o PSdeG aproveitou o debate para denunciar “a falta de xestión e ambición” do executivo local en materia de servizos públicos, así como o impacto da suba da taxa da auga nas familias con menos recursos.

Durante a sesión, na que se abordaba unha modificación de crédito para destinar máis de 24 millóns de euros ao pago de débedas coas concesionarias dos servizos de auga e lixo, o portavoz nacionalista Luís Seara decidiu abandonar o salón tras a intervención do secretario xeral do Concello. “Non é a primeira vez que acontece e non podemos permitilo”, afirmou Seara, quen acusou ao alcalde de “covardía fronte á falta de argumentos para rebatir os nosos”.

“Nós vimos a debater no Pleno cos nosos argumentos políticos, non a confrontar con ningún técnico. O que hoxe aconteceu parécenos grave porque revela a covardía do propio alcalde, que fronte á falta de argumentos utiliza o seu primo de zumosol, o Secretario Xeral”, engadiu. Para o BNG, o sucedido constitúe “unha perversión do debate político que non imos tolerar”.

Seara tamén advertiu sobre as consecuencias da tramitación da Modificación de Crédito 5P/2025, afirmando que “acaban de inventarse un novo procedemento” e que o BNG se ve “lexitimado para presentar emendas a todos os expedientes de modificación de crédito que veñan a debate”.

Na mesma sesión, tanto o PP como o PSdeG criticaron duramente a xestión de Pérez Jácome en relación cos servizos públicos e coa suba das tarifas da auga.

A portavoz socialista, Natalia González Benéitez, cualificou de “inadmisible” que o Concello “continúe funcionando con todas as concesións de servizos fundamentais en precario, co custe que iso supón para a cidadanía”.

Benéitez lembrou que “Gonzalo Pérez Jácome foi o que levou ao xulgado ao seu antecesor por non ser quen de licitar ningunha das concesións. E eu pregúntome por que, se é certo o que o alcalde di de que as concesións en precario non supoñen un custe maior para a veciñanza, hai uns meses tivemos que pagar varios millóns de euros á empresa de transporte urbano”.

A concelleira María Fernández Ojea tamén se pronunciou contra a nova ordenanza de tarifas da auga, asegurando que “temos unha ordenanza impecable pero sen implicación política”, e denunciou que “se desbotasen alegacións da asociación galega de familias monomarentais porque, como non son máis, non consumen máis e non poden beneficiarse do mesmo bono que as familias numerosas”.
As socialistas votaron en contra da ordenanza por considerar que supón “un esforzo para moitas familias de Ourense que xa padecen a suba xeralizada de prezos mentres os soldos non aumentan ao mesmo ritmo”.

No relativo á modificación de crédito 7P, o PSdeG optou pola abstención, argumentando que, malia supor certo aforro ao evitar xuros xudiciais, “non vai poñer orde nin solución ao desastre que teñen nos servizos”.

Por último, as socialistas tamén cuestionaron o plan municipal do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios 2025-2028, que o goberno local cualificara de “ambicioso”. Fernández Ojea replicou que “ambicioso sería apostar por un servizo moderno, adaptado á terceira cidade de Galicia, no que o persoal cobrara os seus salarios íntegros”, e lamentou que o executivo se limite “a arranxar o soto por filtracións e mercar unha escaleira imprescindible, nunha actitude máis de beneficencia que de aposta polos servizos públicos”.

A xornada plenaria deixou, así, unha nova mostra da profunda división política no Concello de Ourense, cun BNG que denuncia a deriva autoritaria do alcalde e un PSdeG que acusa ao goberno local de incapacidade e desleixo na xestión dos servizos esenciais.

⚙ Configurar cookies
0.080382108688354