Termatalia reunirá os días 26 e 27 de setembro en Expourense a máis de 100 expositores de 25 países

OurenseXa
Termatalia regresa a Ourense, a súa sede en Europa, para afrontar a súa edición máis profesional apostando polo negocio no turismo termal e pola formación especializada
Presentación de Termatalia 2024
Presentación de Termatalia 2024
23 sep 2024

A 22ª edición de Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que reúne a destinos, empresas e profesionais do turismo de saúde de 25 países, chega os días 26 e 27 de setembro a Expourense con 100 expositores, 30 relatores e 28 touroperadores líderes nos mercados dos seus países de orixe. Tras a última edición, celebrada en Uruguai, regresa á súa sede europea, Ourense, capital termal por excelencia en España.

É a edición máis profesional e convoca a destinos, empresas e profesionais do turismo de saúde de países como Alemaña, Arxentina, Bélxica, Brasil, Chile, Colombia, Costa Rica, Ecuador, España, EEUU, Hungría, Israel, Italia, Lituania, México, Panamá, Polonia, Portugal, Rumanía, Serbia, Suecia, Suiza, Tailandia, Taiwán e Uruguai, que foi a sede do ano pasado.

A formación especializada estará centrada no V Congreso Internacional sobre Auga e Saúde, que abordará a auga termal desde distintas perspectivas: empresarial, médica, innovación, wellness, sustentabilidade e, por primeira vez, analizaranse as vantaxes que a Intelixencia Artificial podería achegar ao termalismo.

Este Congreso celébrase de forma complementaria ao Congreso Internacional da Auga que promove o Campus Auga da Universidade de Vigo e que celebrará unha sesión previa o mércores 25 de setembro en Expourense que servirá de antesala a Termatalia que comeza ao día seguinte.

Termatalia acollerá tamén a presentación de distintas opcións formativas regradas para cursar estudos en termalismo, tanto en Formación profesional como na Universidade. Ademais, os alumnos do CIFP A Farixa e do CIFP 12 de Outubro de Ourense estarán na feira para realizar distintas demostracións de masaxes e actividades físicas saudables, control postural, valoración da condición física e benestar. Para as distintas actividades da feira confirmaron a súa presenza máis de 500 estudantes de FP.

Servirá tamén de plataforma para a industria da auga mineral envasada con actividades como a Cata Internacional de Augas, que celebrará a súa 20 edición e na que participan augas minerais de España, Portugal e Costa Rica. Haberá tamén un bar de augas con catas expres. Para o público xeral, contarase con áreas de masaxes, haberá obradoiros de sonoterapia e de ioga wellness. Completarase con dúas exposicións permanentes vencelladas ao termalismo, entre outras.

Pode consultar o programa completo no enlace.

0.16857695579529