Todo listo para unha nova edición da San Martiño

Ourense prepárase para acoller unha das súas citas deportivas máis emblemáticas: a 48ª edición da Carreira Pedestre Popular do San Martiño, que se celebrará o domingo 9 de novembro cun trazado renovado de 10 quilómetros e saída ás 11.00 horas desde a Ponte do Milenio. A meta estará situada na Praza de Concepción Arenal, completando un circuíto homologado pola Real Federación Española de Atletismo.
O salón de plenos do Concello acolleu este martes a presentación oficial da proba, coa presenza do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, quen definiu o evento como “a carreira por excelencia de Galicia: a máis populosa, antiga e a que máis xente move”. No acto participaron tamén o concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, o xefe do Servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez, o asesor de Deportes da Deputación, Quique Álvarez, o vicepresidente da Federación Galega de Atletismo, Lalo Gómez, o director de área de Caixabank, Antonio Lema; e a presidenta de Afaor, María Dolores Meira, entidade que recibirá a recadación do dorsal solidario.
O rexedor explicou que o novo percorrido responde ás obras na avenida de Portugal e que, segundo destacou, “vai ser unha delicia”, cun remate en liña recta de case tres quilómetros desde Mariñamansa até o centro da cidade, o que podería facelo máis rápido e atractivo para os participantes.
A carreira está aberta tanto a atletas federados como a corredores populares e as inscricións poden realizarse ata o 2 de novembro. Ademais, quen o desexe poderá colaborar coa Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (Afaor) mediante unha doazón na pasarela de inscrición ou a través do Dorsal 0.