Toén pon en marcha un plan para solucionar os cortes e microcortes de subministro eléctrico no municipio

O Concello de Toén informou da situación dos cortes e microcortes de subministro eléctrico que se veñen producindo no municipio, especialmente na liña de media tensión denominada Castrelo 806. O alcalde mantivo nas últimas semanas varias reunións cos responsables de UFD e coa Dirección Xeral de Planificación Enerxética, nas que se expuxo a situación con datos concretos e se solicitaron explicacións sobre as causas destes problemas, así como as medidas previstas para solucionalos.
Segundo a análise realizada, “a meirande parte dos cortes de subministro de longa duración no 2025 e no que vai do 2026 tiveron lugar en días de temporais”, sendo a causa principal a caída de árbores, en moitos casos situadas fóra da franxa de servidume da liña, en terreos privados, pero que chegaron a contactar co tendido eléctrico. Pola súa banda, os microcortes prodúcense de forma automática cando os sistemas de protección detectan algunha anomalía, como o contacto de ramas cos cables debido ao vento, interrompendo o subministro e restablecéndoo posteriormente unha vez desaparecido o risco. O feito de tratarse dunha liña moi longa, sinalan desde o Conello, incrementa a probabilidade de que se produzan este tipo de incidencias.
Tras estas reunións, UFD comprometeu un plan de actuación que xa está en marcha e que inclúe a revisión exhaustiva da liña para detectar e corrixir deficiencias, así como a ampliación dos puntos de telecontrol ao longo do trazado, co obxectivo de identificar con maior precisión a orixe das avarías e reducir o número de usuarios afectados. Segundo se informou, instalaranse once novos puntos, dos cales seis xa foron colocados tras os encontros mantidos co Concello. Ademais, a empresa adiantará un ano o plan de tala e poda en toda a liña, cuxa execución estará rematada ao longo deste verán.
En relación coas posibles incidencias en electrodomésticos derivadas dos microcortes, os técnicos indicaron que este tipo de interrupcións non teñen capacidade de provocar avarías nos aparellos. Aínda así, o Concello recomenda que, no caso de que se detecte algún dano relacionado cun corte de luz, se presente a correspondente reclamación á empresa subministradora, que está obrigada a atendela e responder en tempo e forma.
O alcalde de Toén agradeceu a atención e a colaboración tanto da Dirección Xeral de Planificación Enerxética como de UFD, así como as actuacións previstas para mellorar o servizo no municipio. “Estamos convencidos de que este plan será eficaz e reducirá moi significativamente os problemas que viñamos observando. Non obstante, por moitas medidas que se tomen, debemos de entender que cortes de subministro por avarías e imprevistos seguirán ocorrendo sobre todo en inverno polos temporais propios do noso clima”, sinalou Ricardo González.