Tres ximnastas do Ximnasia Burgas, convocadas para representar a España no Campionato de Europa de Trampolín 2026

O Ximnasia Burgas recibiu a convocatoria de tres das súas deportistas para representar a España no Campionato de Europa de Trampolín 2026, que terá lugar do 6 ao 13 de abril en Portimão (Portugal).
En categoría sénior foron seleccionadas Melania Rodríguez, que competirá en Trampolín —modalidade olímpica— e tamén en Dobre Minitramp, e Marta López, que participará en Dobre Minitramp. Melania Rodríguez é a actual campioa do mundo e posúe o récord mundial en Dobre Minitramp, mentres que Marta López forma parte do equipo nacional, terceiro do mundo nesta disciplina.
En categoría júnior, a convocada é Uxía Rodríguez, que competirá en Dobre Minitramp.
“É unha gran alegría formar parte da selección española de ximnasia en Trampolín un ano máis”, sinalan desde a contorna do club.
As tres ximnastas adestran no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra baixo a dirección de Sara García, actual responsable do centro.