Un cento de colectivos ourensáns beneficiáronse das axudas da Xunta para a mellora de infraestruturas
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou este luns nos magostos das asociacións veciñais Ribeira de Miño e Castro de Beiro, onde aproveitou para comprobar as melloras feitas nos locais de ambas as entidades co apoio da Xunta. O Goberno galego colaborou nas obras con respectivas achegas de case 12.000 euros no marco do Plan específico de acción comunitaria, que este ano beneficiou na provincia de Ourense un cento de colectivos con contías que suman preto de 789.000 euros.
Así, no caso de Ribeira de Miño mellorouse a climatización do local social coa instalación de dous equipos e substituíse o pavimento de terrazo por tarima. A maiores, mellorouse a accesibilidade coa eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso ás instalacións. Pola súa banda, Castro de Beiro instalou novas persianas motorizadas, renovou a instalación eléctrica e fixo diversas melloras no interior e exterior do local, como limpeza de paredes, colocación de plaqueta e eliminación de barreiras arquitectónicas.
Segundo sinalou a directora xeral, o obxectivo das medidas é garantir o benestar das persoas usuarias no desenvolvemento das múltiples actividades organizadas por estas entidades, “fundamentais para a dinamización da vida social e cultural da veciñanza”.
Estes dous colectivos forman parte das 341 entidades beneficiarias dos 3 millóns de euros concedidos este exercicio a entidades veciñais, asociacións de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas de Galicia. Durante a visita, Natalia Prieto sinalou que o compromiso da Xunta con asociacionismo local fai que o vindeiro ano se incremente o orzamento da medida nun 33,3% ata os 4 millóns de euros. “Trátase así de darlle resposta ao éxito destas axudas nos últimos anos e á elevada demanda”, segundo apuntou a directora xeral. “Queremos así recoñecer o papel fundamental destas entidades na calidade de vida na contorna local”, engadiu.
Apoio para obras e equipamento
Cómpre lembrar que estas axudas contan con dúas liñas, unha delas cunha achega máxima de 12.000 euros para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais de asociacións de veciños e de mulleres rurais, con actuacións como a eliminación de barreiras arquitectónicas ou melloras en estruturas, fachadas, cubertas, parámetros interiores, ventás, teitos ou obras de fontanería, saneamento ou electricidade.
Ademais, con estas axudas nas infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas actúase en obras sobre captacións, canalizacións e depósitos destinadas a reducir as perdas de auga e noutros traballos cos que mellorar a xestión, medición ou control da calidade da auga ou optimizar a eficiencia enerxética na traída de augas.
A outra liña vai destinada cun máximo de 5.000 euros á dotación de equipamento para o funcionamento destas entidades e a organización de actividades específicas, o que inclúe a adquisición de mobiliario, equipamento informático, audiovisual ou sistemas de climatización.