Un equipo de estudantes do campus presentou en Reino Unido un sistema propio de condución totalmente autónomo

O equipo Auria Technologies, formado por 27 estudantes do campus de Ourense, vén de completar a súa participación na competición Formula Student United Kingdom, celebrada entre o 16 e o 20 de xullo no circuíto internacional de Silverstone. A agrupación representou á Universidade de Vigo na modalidade de Formula Student–Artificial Intelligence, centrada no deseño e implementación dun sistema de condución totalmente autónomo.
Auria Technologies compite cun vehículo eléctrico sen piloto proporcionado pola organización, no que integraron o seu propio software de intelixencia artificial. O sistema combina visión artificial, sensores LiDAR e redes neuronais para procesar datos en tempo real e tomar decisións sen intervención humana. “O reto está en desenvolver unha solución completa de control, desde a percepción ata a planificación e execución de movementos”, explica Carlos Carballido, team leader do equipo.
O proxecto, que comezou hai poucos meses, reúne alumnado das titulacións de Intelixencia Artificial, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Aeroespacial e Turismo. A súa participación en Silverstone supón un primeiro paso para consolidar a escudaría como referente universitario no uso da intelixencia artificial no sector da automoción. “Máis alá da clasificación, o noso obxectivo era demostrar a capacidade técnica e multidisciplinar do equipo”, apunta Carballido.
A iniciativa conta co apoio da Universidade de Vigo, a Deputación de Pontevedra e o CESGA, ademais da colaboración da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Escola Superior de Enxeñaría Informática e a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. Con esta participación, a UVigo reforza a súa presenza na Formula Student, sumando este novo proxecto ao traballo iniciado nos últimos anos con UVigo Motorsport.