Un equipo liderado desde o GEAAT desenvolve unha intervención arqueolóxica no abrigo de Peña Piñera
Desde este luns, 15 de abril, e ata o sábado 20, un equipo liderado desde o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo desenvolve unha intervención arqueolóxica no abrigo de Peña Piñera, en León. O seu obxectivo, sinalan dende universidade, é avanzar no coñecemento deste enclave, que destaca polas súas representacións pictóricas de arte esquemática de época prehistórica.
O proxecto, organizado desde a Área de Prehistoria do GEAAT polo investigador Diego Herrero, conta co apoio do Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial da UVigo. Ademais, desenvólvese coa colaboración da Área de Prehistoria da Universidad de León, que achega parte do equipo científico para levar a cabo a escavación e o estudo de materiais; do Grupo de Investigación en Xeología Ambiental, Cuaternario e Xeodiversidade, tamén da Universidad de León, e do Departamento de Xeoloxía da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (Portugal). Igualmente conta co apoio económico e material do Concello de Vega de Espinareda.