Un novo derrubamento no CHUO abre o debate sobre a seguridade dos pacientes e o persoal do hospital ourensán

OurenseXa
O BNG pedirá a comparecencia do Conselleiro de Sanidade tras coñecerse o colapso do teito da planta de pediatría e acusa á Xunta de ser “un perigo público para o persoal e pacientes de Ourense por manter aberto un edificio que cae a cachos”
derrube-chuo-ourenseando
Imaxe de Ourenseando
30 Mar 2025

A deputada nacionalista por Ourense Noa Presas avanzou este domingo que o BNG “vai exixir a comparecencia do Conselleiro de Sanidade no Parlamento Galego para dar explicacións sobre o novo derrubamento no CHUO” que cualifica de “gravísimo” e “que puido ocasionar danos persoais irreparables."

Presas lembra que "despois de décadas de problemas, a Xunta anunciou no verán a demolición e para non variar, mentiu á cidadanía e non incluíu esa obra nos Orzamentos do ano 2025".
O BNG recorda que o deterioro do edificio do Hospital Materno-Infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense “é un dos principais problemas que tivo no ámbito das infraestruturas a sanidade ourensá nas últimas décadas” e engaden, “cómpre recordar que malia o seu deterioro, advertido por profesionais e por usuarios e usuarias, a Xunta de Galiza negou reiteradamente a necesidade dun novo edificio e apostou en todas e cada unha das revisións que fixo do Plan Director, desde o ano 2001 pola reforma".

A situación de deterioro é tal que nos últimos anos, ademais de continuar pechadas varias áreas deste edificio, sucedéronse diferentes incidentes que foron comunicados á inspección ou que foron denunciados publicamente. Segundo Noa Presas, “un dos máis graves, polo seu risco e polas consecuencias en materia de dereitos que tiveron os máis de seis meses de demora en solucionalo, foi a caída dun teito na sala de partos a finais de 2023 e agora este novo derrubamento que puido causar danos persoais irreparables".

Para o BNG esta é "unha situación inadmisible e alguén na Xunta ten que asumir responsabilidades políticas ao ser un perigo público para o persoal e pacientes de Ourense por manter aberto un edificio que cae a cachos."

⚙ Configurar cookies
0.73188805580139