Un proxecto con base en Ourense dá voz ás persoas que viven en zonas de alto risco de incendios forestais

OurenseXa
O estudo baséase nun cento de entrevistas con ampla representación social, desde agricultores e gandeiros ata brigadistas, activistas e autoridades locais
incendio-chandrexa
Imaxe do incendio de Chandrexa de Queixa
8 Dec 2025

O proxecto europeo Storcito, liderado pola Universidade de Vigo, presentou un estudo cualitativo que recolle a visión das persoas que viven, traballan e xestionan o territorio en zonas de alto risco de incendio forestal en Galicia. O traballo buscou “dar voz” a estes colectivos para identificar as súas principais preocupacións, entre as que destacan o monocultivo forestal, a perda do paisaxe en mosaico, o abandono das terras, o avellentamento poboacional e a desaparición das prácticas agrogandeiras tradicionais, factores que aumentan a acumulación de biomasa e elevan o risco de incendios.

Os resultados expuxéronse esta semana nunha xornada celebrada no Centro Integral de Loita contra o Lume en Toén, dentro do proxecto Firepoctep+, coordinado por Juan Picos, profesor da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo en Pontevedra. Neste encontro participaron expertos de España e Portugal, que analizaron innovacións, boas prácticas territoriais e oportunidades de financiamento europeo para a prevención e extinción de incendios.

María Isabel Doval, investigadora e coordinadora de Storcito, explicou que o estudo baséase nun cento de entrevistas con ampla representación social, desde agricultores e gandeiros ata brigadistas, activistas e autoridades locais, e defendeu que “escoitar é o primeiro paso para previr”. Entre as demandas máis urxentes destacan a necesidade de reforzar a participación local na gobernanza e na elaboración de plans de risco, adaptar a normativa á realidade rural e apoiar a innovación e o aproveitamento multifuncional do monte.

O estudo tamén reflicte unha percepción xeneralizada de inseguridade e falta de preparación na poboación, con escasa cultura de autoprotección e falta de coordinación institucional. Así mesmo, apunta a diferenzas xeracionais e territoriais: mentres as persoas maiores coñecen a xestión tradicional do territorio, os mozos e a poboación periurbana adoitan carecer dunha conciencia clara do risco, o que limita a capacidade colectiva de resposta.

A investigadora subliña a necesidade de fomentar unha cultura preventiva desde o sistema educativo, con formación continua para docentes e recursos adaptados, así como un apoio integral postincendio que inclúa acompañamento psicolóxico e técnico.

Este estudo forma parte do proxecto Storcito, que conta con case 4,9 millóns de euros de orzamento e agrupa once socios de cinco países co obxectivo de impulsar a innovación multidisciplinar na xestión sostible e na prevención de incendios en zonas rurais europeas.

⚙ Configurar cookies
0.079551935195923