Un proxecto con base en Ourense estuda os efectos do cambio climático nas enfermidades da pataca

O investigador da Universidade de Vigo Xurxo Costoya lidera un estudo que analizará o risco de aparición do mildio e da alternaria nos cultivos galegos de pataca ante distintos escenarios climáticos futuros. O proxecto, denominado ClimPataca, foi seleccionado na última convocatoria de axudas promovida polo Campus Auga da UVigo, financiada pola Xunta de Galicia.
Con 20.000 euros de financiamento, a investigación forma parte do convenio asinado entre a Universidade de Vigo e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para o desenvolvemento de accións estratéxicas no Campus Auga durante o período 2024-2027. A iniciativa busca apoiar a continuidade de investigadores con traxectoria destacada, como é o caso de Costoya, vinculado ao programa Ramón y Cajal.
O estudo abordará o impacto do cambio climático no risco de infección por mildio (Phytophthora infestans) e alternaria (Alternaria solani), enfermedades que afectan con frecuencia á pataca, mediante a combinación de modelos climáticos de alta resolución e ferramentas epidemiolóxicas. A análise centrarase no período 2030-2059, contrastando os resultados con datos históricos (1985-2014) e considerando dous escenarios de cambio climático (intermedio e alto).
Segundo explica o investigador, a pataca é un cultivo clave en Galicia, con forte implantación en comarcas como A Limia, Bergantiños ou Sarria, e especialmente vulnerable a estas enfermidades. “O cambio climático pode alterar significativamente a incidencia destes patóxenos, polo que é necesario anticiparse para adaptar a produción”, sinala.
O proxecto xerará mapas de risco climático a nivel comarcal, indicadores clave e un visor web interactivo con acceso libre aos datos. Esta información poderá ser utilizada por agricultores, técnicos e administracións para mellorar a planificación agraria e aplicar medidas de adaptación ante os efectos do cambio climático no sector primario.