Un total de 21 establecementos de Celanova conmemoran este venres o Día de Rosalía cun “Caldo de Gloria”


No mes de febreiro celébrase o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro e, para conmemoralo, a Fundación Rosalía de Castro organiza dende hai varios anos unha iniciativa destinada a implicar á hostalería na divulgación da escritora. A proposta consiste en que os establecementos elaboren un caldo seguindo a receita que Rosalía describe no seu poema Miña casiña, meu lar, ao que bautizou como “Caldo de Gloria”.
No marco do proxecto de consolidación dun itinerario do Rexurdimento, a iniciativa ampliouse hai uns anos a Celanova coa elaboración dun caldo na lareira da Fundación Curros Enríquez, en colaboración coa Asociación de Amas de Casa “Ilduara”. Ademais, a celebración inclúe unha foliada na que se recitará o poema de Rosalía de Castro e contará coa participación da Banda de Gaitas de Celanova e do Grupo Lembranza Solpor.
Así, este venres, 21 de febreiro, un total de 21 establecementos, entre restaurantes, cafeterías e bares de tapas de Celanova súmanse a esta iniciativa cultural incluíndo durante o día de hoxe o "Caldo de Gloria" nos seus menús ou como acompañamento ás consumicións.
A Fundación Curros Enríquez distribuíu entre os establecementos o material así como poemas da autora para que a súa lectura forme parte da xornada.
Desta maneira, Celanova únese un ano máis á homenaxe a Rosalía de Castro, mantendo viva a súa memoria a través da gastronomía e da poesía, dúas manifestacións culturais profundamente arraigadas na identidade galega.
