Unanimidade no pleno contra os ataques de Pérez Jácome aos medios de comunicación

OurenseXa
PP e BNG votaron a favor dunha moción presentada polo PSdeG na que instan ao alcalde a garantir a liberdade de prensa nos plenos
pleno-concello-de-ourense-recurso
5 Dec 2025

No pleno ordinario do Concello de Ourense celebrado esta mañá aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo grupo municipal do PSdeG que defende a liberdade de prensa, o dereito á información e o respecto institucional cara aos profesionais da comunicación. “Nos últimos anos, dende que o alcalde ocupa a cadeira de autoridade máxima desta cidade, estamos afeitos a presenciar como restrinxe dereitos básicos que os e as ourensás xa tiñan adquiridos, entre eles o de acceso a unha información plural e libre”, sinalou a portavoz socialista, Natalia González.

A edil destacou tamén que “estamos acostumados a que se ampare na escusa de que algo non é competencia estritamente municipal para botar por terra calquera idea ou iniciativa que mellore a vida de todos e todas as que aínda resistimos en Ourense”. Reprochou ademais a frecuente resposta do goberno local cando se escoita que “algo non se pode facer porque é responsabilidade da Xunta de Galicia ou do Goberno de Pedro Sánchez”.

Natalia González referiuse directamente ás actuacións do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, especialmente ao seu recente anuncio de limitar a só cinco minutos o tempo que os fotógrafos dispoñen para realizar instantáneas ao comezo dos plenos, subliñando que “para interferir nun dereito que aparece recollido no artigo 20 da Constitución Española, que recoñece e protexe a liberdade de expresión, que todas as persoas poidan comunicar ou recibir libremente información veraz por calquera medio de difusión e que prohibe a censura previa, para aí si ten autoridade Gonzalo Pérez Jácome”.

A moción, que contou co apoio de PP e BNG, insta ao goberno municipal a garantir que todas as comunicacións institucionais (roldas de prensa, anuncios, declaracións, actos e convocatorias) se realicen a través das canles oficiais do Concello de Ourense, co acceso libre dos medios e garantindo sempre a posibilidade de preguntas. Tamén pide ao alcalde que respecte escrupulosamente a liberdade de prensa e o pluralismo informativo, absterse de calquera comportamento intimidatorio ou despectivo que interfira no labor dos xornalistas e fotógrafos.

“Nós traemos esta moción porque a política e o xornalismo que nacen por vocación comparten similitudes coas que non podemos máis que sentirnos identificados. Cando o que se persegue é protexer e defender a democracia e a liberdade con maiúsculas, ás veces hai que asumir compromisos que poden resultar incómodos: preguntar onde non queren que preguntes, investigar onde moitos preferirían que reinase o silencio e contar o que outros tratan de ocultar. Defender a liberdade de prensa é, en esencia, defender a quen se dedica a buscar e explicar eses feitos aínda nas circunstancias máis difíciles”, destacou González.

Ademais, a moción esixe que calquera comparecencia institucional estea claramente separada da actividade privada do alcalde como prestador de servizos audiovisuais, para evitar que Auria TV substitúa ou condicione a comunicación municipal. Tamén reclaman que Pérez Jácome pida desculpas públicas polo seu comportamento e se retracte das decisións arbitrarias que limitaron o acceso dos medios e profesionais aos órganos públicos.

Na mesma sesión, os grupos da oposición apoiaron outra iniciativa do PSdeG para promover a cubrición dos parques infantís e espazos de lecer municipais, unha medida que xa funciona con éxito en cidades como Ferrol, Allariz ou Irún. Segundo a portavoz socialista, “os parques cubertos, ademais de protexer das inclemencias meteorolóxicas, permiten mellorar a accesibilidade universal e asegurar o goce dos espazos públicos por parte de todas as persoas”.

No texto aprobado recóllese a necesidade de realizar un inventario das zonas de xogo infantil que poderían adaptarse para esta medida, e de redactar e contratar o primeiro parque infantil cuberto da cidade nun prazo máximo dun ano, preferentemente nun barrio con maior demanda. Ademais, instan a abrir un proceso participativo onde familias, ANPAS e asociacións poidan aportar propostas sobre localización e deseño.

⚙ Configurar cookies
0.088318824768066