Unha avaría deixa sen servizo ás ramplas de Concordia

As ramplas mecánicas da rúa da Concordia estarán inoperativas ata o luns 23 de febreiro tras sufrir danos a consecuencia dunha incidencia eléctrica rexistrada a pasada semana.
Segundo informan fontes municipais, a orixe do problema sitúase nunha avaría na rede de subministración de Unión Fenosa Distribución (UFD), que se produciu o mércores 11 de febreiro. Un fallo na rede externa xerou unha sobrecarga de tensión que afectou á contorna da rúa da Concordia e do Paseo.
Esta alteración no subministro eléctrico provocou danos no sistema electrónico que controla o funcionamento das ramplas, deixando fóra de servizo a infraestrutura.
O Concello de Ourense levará a cabo a reparación con carácter urxente para restablecer o servizo o antes posible. A administración local asumirá inicialmente os traballos, pero trasladará o custo á compañía eléctrica ao considerala responsable directa da incidencia, segundo explican dende o Concello.
Aínda que as instalacións se atopan en período de garantía, o Concello reclamará igualmente á empresa o importe derivado da avaría.