Unha vintena de expertos de España e Portugal abordan en Ourense os retos e oportunidades do turismo deportivo

OurenseXa
O recinto feiral de Expourense abriu este xoves as portas do VI Congreso Internacional sobre Turismo e Deporte – Sportur Galicia
sportur-galicia
12 Dec 2025

O VI Congreso Internacional sobre Turismo e Deporte – Sportur Galicia abriu este xoves as súas portas en Expourense. A cita reúne ata este venres ao mediodía a unha vintena de expertos de España e Portugal para analizar os retos e oportunidades do turismo deportivo, activo e de natureza. A sesión inaugural estivo presidida polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, acompañado por representantes da Deputación provincial.

Durante a apertura, Pardo salientou o papel do turismo deportivo na dinamización do rural, lembrando que “fixa poboación, xera actividade e reparte riqueza”. Pola súa banda, o deputado provincial José María Cabo definiu a provincia como “o mellor pavillón deportivo natural” grazas aos seus canóns, ríos, montañas e vilas termais, e subliñou o esforzo da Deputación en mellorar e homologar infraestruturas que atraian tanto deportistas de elite como familias que buscan lecer activo.

Os primeiros relatorios do congreso centráronse na accesibilidade e na sustentabilidade como piares dun turismo deportivo responsable. Representantes de entidades como Fundación ENKI, Portugal Accesible, Koan Consulting, Galicia Destino Sostible e AGETAN insistiron na importancia da formación en accesibilidade para os profesionais do sector e na necesidade de promover un turismo que respecte tanto o medio natural como a diversidade de capacidades dos visitantes. No ámbito ambiental, destacouse que a protección da contorna é esencial para garantir que a experiencia deportiva se poida manter no tempo.

O programa do congreso estrutúrase en tres bloques: turismo activo accesible e inclusivo, financiamento de eventos deportivos e o Foro de “Concellos activos”. Cada apartado inclúe casos prácticos que poden servir de modelo para outros territorios. A sesión da tarde está dedicada precisamente ao financiamento, un dos asuntos que máis preocupa aos organizadores de eventos, cunha mesa na que participan representantes de EME Sports, Veolia Agua e Fundación Amare Terra.

A actividade continúa hoxe cunha xornada enfocada nos concellos que apostan polo deporte e o movemento como motor de saúde e cohesión social. Intervirán expertos da Fundación Deporte Galego, da Deputación, do Concello de Abegondo e da consultora Atlas Sport Consulting, ademais de presentarse o caso de éxito de Benicarló (Comunidade Valenciana).

Xunto ás conferencias, Sportur Galicia conta cunha área expositiva na que participan entidades públicas e privadas vinculadas ao turismo activo, ao deporte e ao ámbito social. Ademais, esta mañá celebrouse unha sesión informativa do programa estatal “Campus Rural”, que ofrece prácticas remuneradas a universitarios en concellos de menos de 5.000 habitantes.

O congreso coincide co inicio da tempada deportiva 2025/2026 en Expourense, coa colocación da pista curta de atletismo cuberta que acollerá unha trintena de probas ata marzo, incluído o Campionato do Mundo “VIRTUS” de Atletismo Adaptado (4-9 de marzo de 2026). A instalación tamén serviu hoxe para a primeira xornada “Xogade” de atletismo, na que participaron 500 escolares de Primaria, mentres que mañá será a quenda do alumnado de Secundaria.

⚙ Configurar cookies
0.081892013549805