UNVI anuncia novas folgas en xaneiro para esixir un convenio ‘digno’ e convoca manifestación en Ourense

O comité de empresa de UNVI comunicou a convocatoria de novas xornadas de folga para os días 15, 21, 22, 28 e 29 de xaneiro, coa reivindicación dun convenio colectivo ‘digno’ tras considerar regresiva a proposta presentada pola dirección da compañía ourensá de automoción, integrada no Grupo Pérez Rumbao. Como primeira acción desta nova fase, os representantes do persoal chamaron tamén a participar nunha manifestación este xoves 8, ás 19.30, polas rúas de Ourense, con saída da Casa Sindical e remate na Subdelegación do Goberno.
Segundo explicou o secretario comarcal da CIG-Industria, Indalecio Gómez, a empresa pretende un convenio para 2026 que inclúa un 20% de ‘desregulación’ da xornada e unha bolsa de 80 horas extraordinarias cuxa utilización quedaría a criterio da compañía. Ademais, a proposta incorporaría cambios no réxime sancionador interno, que o sindicato cualifica de ‘moito máis represivo e arbitrario’.
A dirección ofrece, segundo o comité, unha suba salarial do 3,5% e unha redución de oito horas na xornada anual, pero a representación dos traballadores advirte de que a diminución do tempo de traballo perde sentido se, ao mesmo tempo, se amplía a flexibilidade de horarios.
O comité mantén unha dinámica de mobilizacións iniciada a finais de novembro cunha folga e manifestación, que tivo continuidade en decembro con novos paros e protestas. Entre os efectos das presións, sinalan que a empresa deu marcha atrás na súa intención de modificar o calendario laboral para evitar que o persoal (arredor de 150 persoas en dous centros) puidese desfrutar de tres semanas de vacacións en agosto.