Uxía Rodríguez, do Club Ximnasia Burgas, subcampioa de Europa en dobre minitramp júnior

A ximnasta Uxía Rodríguez logrou a medalla de prata no Campionato de Europa de trampolín na modalidade de dobre minitramp en categoría júnior, formando parte do equipo nacional español. Rodríguez, integrante do Club Ximnasia Burgas, competiu xunto a Belén Sánchez, do Club Aerotramp, e Silvia Sánchez, do Trampolín Albacete, contribuíndo a que o combinado español se subise ao podio na segunda posición, só por detrás do equipo ruso e por diante de Portugal.
Na mesma cita continental, Marta López, tamén ximnasta do Burgas, acadou a final en categoría sénior, o máximo nivel da competición, que nesta ocasión estivo marcada pola ausencia da ximnasta do Burgas, Melania Rodríguez, actual campioa do mundo, debido a unha lesión.
Uxía Rodríguez, natural de Pontevedra, pertence ao club ourensán desde pequena e actualmente adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra, ao igual que as súas compañeiras Marta López e Melania Rodríguez, un centro que continúa achegando destacados resultados ao deporte galego.
As tres ximnastas son as únicas representantes galegas clasificadas coa selección española para este Campionato de Europa, xunto con deportistas doutras comunidades como Castela e León, Madrid, Castela-A Mancha, Cataluña e Canarias.