Valcárcel nega “radical e tallantemente” as acusacións de acoso laboral e denuncia falta de información sobre a denuncia

OurenseXa
O alcalde de Barbadás critica que o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, solicitase a súa dimisión publicamente
xose-carlos-valcarcel
17 Dec 2025

O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, fixo públicas este mércores unhas declaracións nas que nega de maneira rotunda as acusacións de presunto acoso laboral formuladas por unha militante do PSdeG de Ourense e cuestiona a xestión interna do seu partido tras facerse pública a denuncia.

Segundo explicou, tivo coñecemento da existencia dunha denuncia de forma indirecta e progresiva. Primeiro, a través dunha chamada do secretario provincial do PSdeG, Álvaro Vila, que lle comunicou “de forma imprecisa e ambigua” a existencia dunha queixa por presunto acoso, sen máis detalles. Posteriormente, asegura que foi informado pola prensa de que se trataba dunha denuncia por acoso laboral, antes incluso de recibir comunicación oficial por parte do partido.

Valcárcel criticou que o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, solicitase a súa dimisión publicamente “sen ter eu coñecemento verbal nin por escrito da denuncia, nin por suposto terme escoitado”, cualificando a situación como un “extraño exercicio de sincronización entre a denuncia, a filtración á prensa e a petición de dimisión”.

O rexedor deixou claro que non pensa dimitir por esta razón e afirmou que “se Besteiro pretende que dimita por el, non o vou facer”. Engadiu que asumirá responsabilidades “se me vira no caso de ter que facelo”, pero insistiu en que, ao seu xuízo, “este non é o caso”.

No seu comunicado, Valcárcel negou “radical e tallantemente” ser un acosador laboral ou de calquera outra índole e asegurou que quere afrontar a situación “en primeira persoa, dando a cara, sen subterfuxios”, unha vez coñeza o contido íntegro da denuncia, que di non ter recibido ata o de agora. Precisamente por esta situación, anunciou que solicitou a baixa como militante do PSdeG, unha decisión que, segundo indicou, tomou “con enorme dor”.

O alcalde manifestou tamén a súa intención de actuar con “absoluta transparencia” a medida que dispoña de máis información e suxeriu que a situación podería estar relacionada cun caso previo de acoso sexual ocorrido no Concello de Barbadás hai máis dun ano, no que, segundo lembrou, actuou con rapidez esixindo a dimisión do concelleiro implicado.

Finalmente, Valcárcel acusou a Besteiro de empregar esta situación para “tapar os seus problemas e a súa nefasta xestión” noutros casos semellantes, marcando diferenzas entre “quen actúa con integridade” e quen, ao seu xuízo, “maniobra maquiavélicamente”.

⚙ Configurar cookies
0.083014011383057