Vilamarín aproba de forma definitiva unha ordenanza para protexer os camiños municipais nas sacas de madeira

O Concello de Vilamarín vén de aprobar de maneira definitiva a ordenanza municipal que regula como deben facerse as operacións de ‘saca de madeira’ cando se usan camiños e vías públicas municipais. A aprobación queda pechada despois de que non se presentasen reclamacións durante o período de exposición pública, segundo recolle o anuncio publicado no Boletín Oficial da Provincia de Ourense este xoves, 8 de xaneiro de 2026.
A medida nace coa idea de evitar que os camiños se estraguen polo paso de maquinaria e camións pesados e, ao mesmo tempo, garantir que as pistas e accesos estean en bo estado, algo que o Concello considera clave tamén para situacións de emerxencia, como os incendios forestais.
Entre as principais novidades, a ordenanza establece que as empresas madeireiras (ou quen faga os traballos) deberán presentar unha comunicación previa no Concello con 15 días hábiles de antelación ao inicio da actividade. Nese aviso terán que indicar, entre outras cuestións, por onde van circular, onde se vai depositar a madeira, que maquinaria se empregará e canto se prevé extraer.
Outra das claves do texto é a obriga de depositar unha garantía económica antes de comezar. Esa fianza funciona como ‘colchón’ para que, se hai danos nos camiños ou sucidade que non se limpe, o Concello poida asegurar a reparación. As contías varían segundo as toneladas previstas: desde 300 euros (ata 20 toneladas) ata 3.500 euros (a partir de 1.000 toneladas). Tamén se contempla unha garantía anual de 5.000 euros para quen faga varios traballos ao longo do ano.
A norma recolle, ademais, unha lista de deberes básicos: sinalizar correctamente as zonas de traballo, limpar a vía ao final de cada xornada, retirar restos que poidan aumentar o risco de incendio, repoñer accesos ou ramplas abertas e responder polos danos que se ocasionen. En paralelo, prohibe usar as vías públicas como lugar de almacenamento se iso invade zonas de paso ou crea perigos para vehículos e peóns.
Se non se cumpre, o Concello poderá requirir a corrección e mesmo ordenar a paralización inmediata dos traballos e o precintado da zona ou das pilas de madeira. A ordenanza fixa sancións que poden chegar aos 3.000 euros nas infraccións moi graves, ademais da obriga de reparar e deixar todo como estaba.
A entrada en vigor producirase unha vez publicado o texto completo no Boletín Oficial da Provincia e transcorridos 15 días hábiles.